Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 mayo, 2026
A concelleira de Turismo de Arzúa, Begoña Balado, fixo balance en Radio Líder Santiago da segunda edición da Marcha Cicloturista BTT Arzúa Destino Verde, celebrada este domingo e que reuniu preto de 400 participantes nunha xornada marcada polo bo ambiente, o deporte e a natureza.
Balado destacou que esta segunda edición “foi un éxito” e subliñou que o bo tempo tamén contribuíu a que os participantes desfrutasen aínda máis da experiencia. A edil puxo en valor as novidades incorporadas este ano, como a Mini BTT e as actividades para a cativada, así como a nova distancia intermedia de 49 quilómetros, creada para abrir a proba a máis públicos e niveis.
A concelleira explicou que moitas das melloras desta edición chegaron a partir das recomendacións realizadas polos propios participantes na primeira convocatoria. “Fomos mellorando entre a organización e o Concello e estamos encantados porque foi realmente unha festa do ciclotuismo”, sinalou.
Begoña Balado destacou tamén a boa resposta dos participantes ás tres rutas propostas —de 32, 49 e 70 quilómetros— e asegurou que recibiron valoracións moi positivas sobre os percorridos e sobre as paisaxes do municipio.
Durante a entrevista, a responsable de Turismo lembrou que a filosofía da BTT Arzúa Destino Verde pasa por combinar deporte, natureza e promoción do territorio. “Era un xeito de ensinarlle aos participantes o que realmente temos en Arzúa”, afirmou, facendo referencia aos espazos naturais e aos recunchos verdes do municipio.
A edil confirmou ademais que o Concello xa traballa na terceira edición da proba, coa intención de seguir mellorando e incorporando novas iniciativas. “Non imos perder a esencia. Queremos seguir sorprendendo e facendo medrar esta festa do cicloturismo”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
arzua Arzúa destino verde Arzúa Turismo begoña balado btt arzua destino verde ciclotuismo concelleira de Turismo de Arzúa



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)