Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 junio, 2026
O alcalde de Ames, Blas García, aproveitou a súa visita aos estudos dunha emisora local para facer un amplo repaso da actualidade municipal, nunha entrevista na que defendeu as principais liñas de actuación do seu goberno e puxo o foco en proxectos estratéxicos como a mobilidade, a cultura, a empresa municipal da auga ou a transformación urbanística do Milladoiro.
Un dos asuntos destacados foi a aprobación, por unanimidade no último pleno, da renovación do convenio do servizo municipal de autobús entre Bertamiráns e Santiago. O rexedor explicou que o novo acordo mantén o custo económico e incorpora melloras para a veciñanza.
«Conseguimos que non incrementara en prezo económico e conseguimos algunha pequena mellora, como a parada no campus para facilitar o uso aos estudantes de Ames.»
Ademais, anunciou que o Concello continuará negociando para ampliar o servizo ata os núcleos de Fraizía e Moniña, unha demanda histórica da veciñanza desa zona.
Outro dos grandes argumentos da súa intervención foi a defensa da municipalización do ciclo da auga. García cualificou a decisión como unha das mellores do actual mandato e revelou que a empresa pública obtivo máis de 800.000 euros de beneficio no seu primeiro exercicio completo.
«Ese beneficio, que antes levaba unha empresa privada, agora queda en Ames para investir no propio ciclo da auga»
Segundo explicou, estes recursos destinaranse á mellora das redes de abastecemento, saneamento e pluviais, ao tempo que se reforzou o persoal e se acometeron novos investimentos materiais.
A entrevista tamén serviu para anunciar a concesión da Medalla do Concello ás Maianas, o coñecido grupo de pandeireteiras nacido das escolas municipais de música tradicional. «Creo que hai que recoñecer a labor que fan os grupos tradicionais e, sobre todo, un grupo de pandeireteiras como elas, que levan o nome do noso concello por Galicia adiante.»
Pero o bloque central da conversa xirou arredor do Milladoiro e do seu proceso de transformación urbana. O alcalde defendeu con contundencia a humanización da travesía principal, unha actuación que xerou debate político e social.
«Esta obra era necesaria e dentro duns anos falarase dela polo que serviu para unir e vertebrar o Milladoiro.»
Aínda que recoñeceu que existen aspectos mellorables na execución do proxecto, especialmente a ausencia dalgunhas rotondas inicialmente previstas, insistiu en que a prioridade foi evitar o colapso das rúas interiores e apostar por un modelo máis amable para a mobilidade peonil e ciclista.
Blas García aproveitou para facer balance global dos investimentos previstos para este núcleo urbano, cifrando en máis de 70 millóns de euros o esforzo realizado ou comprometido durante o actual mandato. «Cando remate este mandato, o Milladoiro vai ter un investimento de 70 millóns de euros. Este é o investimento máis grande da súa historia nun período de catro anos.»
Entre esas actuacións destacou as máis de 220 vivendas públicas promovidas pola Xunta, o novo centro de educación infantil e primaria, o centro multifuncional, a humanización da avenida principal e un futuro complexo deportivo que incluirá piscina de competición, piscina infantil e ximnasio.
No ámbito cultural, área que tamén dirixe persoalmente, o alcalde reivindicou a aposta por unha programación diversa e de calidade, poñendo como exemplo o éxito do ciclo de monólogos, que esgotou todas as entradas, ou os concertos de música clásica. «A cultura non é cuestión de datos, é cuestión de apostar e de facer cousas.»
Defendeu tamén o apoio aos novos talentos e asegurou que Ames conseguiu construír unha identidade propia no panorama cultural galego.
«O bo de Ames é que creamos unha marca propia onde se fala de Ames e da súa aposta pola cultura en moitos sitios de Galicia.»
Na recta final da entrevista, a menos dun ano do inicio da precampaña das municipais de 2027, Blas García abordou a situación política nacional e mostrou a súa preocupación polo desgaste que, ao seu xuízo, pode sufrir o Partido Socialista nas administracións locais.
«Os alcaldes e alcaldesas seguramente nos veremos castigados porque a xente vai xulgar o que pasa en Madrid e non a xestión que fixemos nós.»
Mesmo foi máis aló e reiterou a súa postura favorable á convocatoria de eleccións xerais anticipadas. «Non só me ratifico no que dixen hai un ano, senón que creo que foi un erro non convocalas antes.»
Con todo, mostrou confianza no traballo desenvolvido polo seu equipo de goberno e destacou a importancia da proximidade coa cidadanía, lembrando as reunións periódicas que mantén nas parroquias e os encontros previstos coa veciñanza de Bertamiráns e do Milladoiro. «O traballo que temos que facer é o da cercanía, da proximidade e o de escoitar á xente.»
A entrevista deixou a imaxe dun alcalde disposto a reivindicar a súa xestión, convencido das políticas desenvolvidas no actual mandato e decidido a facer dos grandes investimentos e da proximidade coa veciñanza os principais argumentos de cara ao futuro político inmediato.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)