Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 abril, 2026
O alcalde de Ames, Blas García, debullou nunha entrevista en Radio Líder Santiago as principais liñas da acción municipal, cun discurso centrado na proximidade coa veciñanza, o investimento no rural e a aposta por novos modelos enerxéticos e culturais.
García puxo o acento na relación directa cos cidadáns como base da súa xestión. “O máis importante é que os políticos esteamos ao lado dos cidadáns escoitando”, sinalou , ao tempo que reivindicou unha atención continua máis alá das canles formais. “Recibo veciños todos os días, mesmo na rúa ou facendo a compra”, engadiu .
Con todo, o rexedor tamén admitiu as dificultades derivadas da tramitación administrativa. “Hai veces que vou frustrado porque cousas que parecen doadas acaban eternizándose pola burocracia”, explicou .
Investimento sostido no rural
Un dos eixos da intervención foi a defensa do equilibrio territorial. O alcalde destacou o volume de investimento nas parroquias como mostra do compromiso municipal. “Nunha parroquia como Covas, con pouco máis de mil habitantes, levamos investidos máis de oitocentos mil euros”, indicou .
Segundo explicou, as demandas veciñais foron evolucionando nos últimos anos, pasando de cuestións como o alumeado público a necesidades máis actuais, como a conectividade. “Hoxe ter fibra no rural é fundamental para poder traballar”, afirmou .
Comunidades enerxéticas e aforro
No ámbito económico e ambiental, García avanzou o desenvolvemento das comunidades enerxéticas, unha iniciativa que busca reducir custos e dependencia. “Deixamos de depender das grandes compañías eléctricas e xeramos enerxía limpa”, explicou .
O proxecto, segundo detallou, terá impacto tanto nos fogares como nas contas municipais. “O veciño aforra e o concello tamén, o que nos permite facer máis investimentos”, apuntou .
A defensa do galego ocupou tamén un lugar destacado na entrevista, especialmente a través do programa “Modo Galego”. García reivindicou unha visión integradora da lingua. “O galego non é patrimonio de ninguén, é de todos e de todas”, asegurou .
No ámbito cultural, o alcalde salientou a boa resposta do público ás programacións municipais, con entradas esgotadas en moitos casos, e apuntou á necesidade de mellorar as infraestruturas, aínda que sen apostar por grandes auditorios.
Saúde mental e novos servizos
A acción social foi outro dos puntos abordados, con especial atención á saúde mental. García destacou a creación de recursos municipais específicos. “Apostar pola saúde mental é fundamental nestes tempos”, sinalou .
O concello actúa, segundo explicou, como primeira porta de entrada, ofrecendo asesoramento e derivación a servizos especializados.
No capítulo de infraestruturas, o alcalde confirmou a inminente apertura do carril bici do Milladoiro. “Esta semana vai entrar en funcionamento de maneira definitiva”, anunciou .
A posta en marcha virá acompañada de cambios na regulación do seu uso, co fin da permisividade no estacionamento o que conlevará as correspondentes sancións.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)