AD

Comarca

Boqueixón convida á veciñanza a participar nas reunións informativas por parroquias

today31 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • Boqueixón convida á veciñanza a participar nas reunións informativas por parroquias
  • O local social de Lamas acollerá mañá mércores, ás 21:00 horas, a segunda xuntanza deste ano

Boqueixón. 31 de marzo de 2026. O Concello de Boqueixón retoma as reunións informativas por parroquias, que terán lugar entre os meses de abril e maio. Unha iniciativa que xorde tras a boa recepción que tiveron estes encontros parroquiais celebrados a finais de 2024 e principios de 2025.

Nestas reunións, o Grupo de Goberno, encabezado polo alcalde Ovidio Rodeiro, dará conta de distintos asuntos de interese municipal, centrados sobre todo en cuestións relacionadas coa propia parroquia, e resolverán tamén as dúbidas planteadas polos veciños e veciñas. A participación é totalmente libre e de balde, sen necesidade de anotarse previamente.

No caso da primeira xuntanza, celebrada en A Graña, os temas de debate xiraron en torno á xestión de residuos (compostaxe, recollida de plásticos, contedores), urbanismo, limpeza de franxas secundarias, renovación do alumeado público, programas de atención social, actividades culturais, axudas e subvencións, saneamento, obras e melloras nos servizos municipais.

Programa

A próxima reunión terá lugar mañá mércores 1 de abril, ás 21:00 horas, no local social de Lamas. Entre os asuntos a tratar figuran a concentración parcelaria, o PXOM e normas subsidiarias, a limpeza de franxas secundarias, as obras en sendas e estradas, as actuacións en saneamento, a xestión do lixo, o investimento en renovación do alumeado, a numeración dixital do municipio e os programas de atención social e cultural, entre outros.

As seguintes reunións deste mes de abril terán lugar nos locais sociais de Vigo (domingo 12, ás 11:00 h), Gastrar (venres 17, ás 21:00 h), Pousada (domingo 19, ás 12:00 h) e Codeso-Donas (xoves 23, ás 21:00 h). Tamén haberá xuntanzas en Oural (venres 10, ás 21:00 h, na Casa da Cultura), Boqueixón (domingo 26, ás 11:00 h, na Casa do Concello) e Sucira (xoves 30, ás 21:00 h, na Casa da Cultura).

Para o mes de maio, as reunións programadas terán lugar nos locais sociais de Sergude (venres 8, ás 21:00 h), Lestedo (mércores 13, ás 21:00 h), Ledesma (venres 22, ás 21:00 h) e Loureda (domingo 24, ás 11:00 horas).

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *