Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Boqueixón, 17 de xullo de 2024.- O Concello de Boqueixón vén de solicitarlle á Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos e ao Ministerio de Facenda e Función Pública que doten do persoal suficiente para manter a normalidade na prestación do servizo no municipio durante as datas de verán. Dende o Concello estiman que o número necesario de carteiros/as é 3, que son os que actualmente distribúen a correspondencia entre as distintas parroquias de Boqueixón durante o resto do ano.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, lamenta que “nos últimos anos estamos o servizo de Correos no noso concello vén rexistrando diversas queixas por parte da veciñanza sobre un funcionamento deficiente, onde as cartas non chegan ou tardan moito en chegar. Ademais, durante o período estival sufrimos unha merma no número de carteiros, o que afecta sensiblemente á calidade dun servizo xa deficiente”.
Na actualidade, o servizo de Correos en Boqueixón é prestado por tres carteiros, cuxa oficina postal se atopa nunhas dependencias municipais no Forte cedidas de balde polo Concello á Sociedade Estatal de Correos e Teléfonos. Durante o mes de xullo, o persoal redúcese a 2 carteiros e está previsto que no mes de agosto todo o traballo de reparto e oficina sexa levado a cabo por unha única persoa.
“A prestación do servizo en condicións de precariedade repercutirá negativamente nos tempos de reparto e mesmo quedará correspondencia sen repartir ata mediados ou finais do mes de setembro”, advirte Rodeiro Tato, quen indica que durante o resto do ano “hai recibos de impostos que tampouco chegan aos destinatarios ou tardan moito en facelo, cos conseguintes prexuízos para os contribuíntes”.
Por iso, dende o Concello instan a Correos a manter en 3 o número de carteiros durante o período estival e a mellorar a prestación do servizo durante o resto do ano. Para facilitar ese traballo, o Concello de Boqueixón está a desenvolver un proxecto de numeración dixital de todo o municipio, que permitirá aos carteiros poder chegar con exactitude a calquera domicilio grazas a que todos eles estarán xeoreferenciados.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)