AD

Actualidad

Borja Verea propón que unha praza en Santa Marta leve o nome de Julio Ferreiro

today15 julio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O tamén deputado autonómico destaca que o artista transformou de maneira altruísta espazos degradados da cidade e afirma que «onde outros vían abandono, Julio Ferreiro vía unha oportunidade para crear».

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, propuxo hoxe que o Concello dedique a praza da rúa da Espiñeira á memoria de Julio Ferreiro, como recoñecemento permanente á súa extraordinaria contribución artística e humana á cidade.

Verea lembrou que Julio Ferreiro deixou unha fonda pegada en Santiago grazas ás súas intervencións artísticas, coas que foi quen de recuperar e dignificar distintos espazos urbanos que se atopaban deteriorados, transformándoos en lugares con identidade, beleza e vida. Fíxoo, ademais, de maneira totalmente altruísta, poñendo sempre o seu talento ao servizo da cidade.

«Julio Ferreiro tiña unha mirada especial. Onde outros vían abandono, el vía unha oportunidade para crear. Onde había paredes grises ou espazos esquecidos, el vía unha ocasión para devolverlles vida, cor e esperanza. Ese é un legado que Santiago ten a obriga de conservar», sinalou.

O líder popular considera que a rúa da Espiñeira, a súa praciña, un dos lugares máis estreitamente vinculados á súa obra e á súa creatividade, é o espazo idóneo para renderlle unha homenaxe permanente.

«Merecía este recoñecemento en vida. Xa non chegamos a tempo, pero si estamos a tempo de que Santiago lle devolva unha pequena parte de todo o que el lle deu á cidade. Que a praciña da rúa da Espiñeira leve o seu nome sería un xesto de gratitude, de memoria e de xustiza con alguén que fixo mellor Santiago co seu talento e coa súa xenerosidade», afirmou Verea.

Por todo iso, o Partido Popular solicitará ao Concello que inicie os trámites necesarios para que a praza da rúa da Espiñeira pase a denominarse praza do artista Julio Ferreiro, como homenaxe permanente a un creador que deixou unha pegada imborrable na cidade e no corazón de moitos composteláns.

«Os artistas pasan, pero as cidades teñen a responsabilidade de coidar a súa memoria. A mellor maneira de facelo é que o nome de Julio Ferreiro permaneza para sempre no lugar ao que tanto lle deu», concluíu Verea.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *