AD

Comarca

Brión aproba investir 1,19 millóns na mellora do complexo deportivo de Pedrouzos

today21 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

O alcalde Pablo Lago agradécelle á Xunta de Galicia a inclusión dunha partida de 1 millón de euros nos orzamentos de 2027 para a rehabilitación integral e melloras varias no CEIP de Pedrouzos

21 de outubro de 2026.- O Pleno Municipal do Concello de Brión aprobou esta mañá por unanimidade o proxecto “Mellora e acondicionamento do complexo deportivo municipal de Pedrouzos”, unha proposta da Alcaldía que conta cun orzamento total de 1,192.986 euros. Trátase da zona máis concorrida do municipio pois é unha área na que están emprazados o CEIP de Pedrouzos e o IES de Brión, con máis de 900 alumnos, así como as instalacións deportivas máis importantes do concello: o campo de fútbol, a piscina cuberta, o polideportivo municipal e a súa recente ampliación, a pista de pádel…que contan con máis de 1.800 persoas usuarias, ben a título individual ben en clubs deportivos.

O proxecto foi elixido pola Xunta de Galicia como un dos 26 proxectos municipais de carácter estratéxico en Galicia, polo que recibirá unha achega de 500.000 euros por parte da Administración autonómica (o 41% do orzamento total). O proxecto ten un prazo de execución de seis meses e centrarase en dous puntos principais:

– A contorna da zona deportiva, que presenta na actualidade pavimentos moi deteriorados, incluso zonas sen pavimentar, escaso aparcamento e beirarrúas moi estreitas. Ademais, a zona destinada ao estacionamento dos autobuses non está segregada do tráfico peonil. A actuación nesta zona centrarase na mellora do acceso ás instalacións deportivas, incluíndo a creación dunha dársena de autobuses cuberta, preparada para que os nenos e nenas poidan acceder ao colexio e ao instituto protexidos das inclemencias do tempo. A mellora dunha zona de aparcamento de vehículo privado, agora en terra, permitirá crear 46 prazas de parking, dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Finalmente, melloraranse e ampliaranse as beirarrúas, adaptándoas ás necesidades de persoas con diversidade funcional, especialmente persoas con mobilidade reducida.
– No que se refire ao campo de fútbol, o paso do tempo, a exposición ás inclemencias meteorolóxicas, así como un uso continuado e intensivo do mesmo, provocan que o céspede se atope en mal estado, incluso con perda do material elástico da súa base e que as canaletas de drenaxe perimetral ou os canóns estean moi deterioradas. O Concello de Brión procederá á instalación dun novo céspede artificial de última xeración e modernizará os elementos anexos, como a canaleta permiteral e o sistema de rega, para protexer aos usuarios, reducir o consumo de auga e mellorar as condicións da instalación, o que permitirá incrementar as horas de uso do campo e albergar competición de maior nivel, atraendo así visitantes doutros municipios e dinamizando a economía local.

Melloras no CEIP de Pedrouzos

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, aproveitou a aprobación deste proxecto para amosar o seu agradecemento á Xunta de Galicia e, nomeadamente, ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, por incluír nos Orzamentos da Xunta para 2027 unha partida de 1 millón de euros para a rehabilitación integral e melloras varias no CEIP de Pedrouzos, que este ano cumpre o seu 50 aniversario. “Unha inversión pola que levo moito tempo loitando e que en maio de 2025 se concretou na sinatura dun protocolo para a mellora das infraestruturas educativas de Pedrouzos e que agora dá os seus froitos: 1 millón de euros para mellorar e moderniza o noso colexio”, salientou Lago Sanmartín.

Así mesmo, o Pleno aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía de destinar 97.350 euros do POS Adicional 4/2026 a liquidar a débeda que o Concello de Brión mantiña coa Deputación da Coruña, de forma que o Concello xa non terá débeda algunha coa administración provincial. Os restantes 159.000 euros serán destinados a obras, que serán aprobadas nunha sesión plenaria extraordinaria.

Apoio á lingua

Finalmente, PSOE e BNG aprobaron unha moción conxunta en defensa da lingua galega presentada pola plataforma Queremos Galego na que reafirman o seu compromiso coa lingua galega, apoian todas as medidas necesarias para normalizar o seu uso e manifestan o seu apoio á Iniciativa Lexislativa Popular Lingua Vital para reverter a emerxencia lingüística.

“O Concello de Brión non pode quedar á marxe desta situación, sobre todo cando se compren 10 anos da recollida do XXII Premio Lois Peña Novo pola súa utilización, dende 1979 e de xeito ininterrompido, da lingua galega e a realización de accións na defensa do noso idioma. Neste sentido, compre lembrar que Brión foi o primeiro municipio en redactar as súas actas plenarias en galego. Esa acta da sesión do 28 de abril de 1979 supuxo un feito histórico para a nosa lingua, pois é a primeira redactada en galego dende o século XVI”, destacou a voceira municipal do Grupo de Goberno, Sandy Cebral, que engadiu “outras accións a prol da nosa lingua como a edición de varios libros e publicacións en galego, así como a edición de Altamira, a revista municipal en activo máis antiga de Galicia e redactada integramente en galego”. O Partido Popular abstívose na votación.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *