AD

Comarca

II Concurso de tapas ‘Rois nun bocado’ para promover a gastronomía local

today21 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

O certame celebrarase as fins de semana do 20 ao 22 e do 27 ao 29 de novembro, con tapas a 2 euros
Os establecementos interesados teñen ata as 14.00 horas do 28 de outubro para enviar a ficha de inscrición
As persoas participantes, a partir dos 6 anos, poderán optar ao sorteo de tres vales de 100 euros se reúnen un mínimo de tres selos nas dúas zonas do concurso
O Concello premiará as tres mellores tapas con 300, 250 e 150 euros e placas conmemorativas

Rois. 21-10-2026. O Concello de Rois organiza a segunda edición do Concurso de Tapas Rois nun bocado!, unha iniciativa que busca poñer en valor a creatividade gastronómica da hostalería local, promocionar os produtos do municipio e dinamizar a súa vida social. O certame celebrarase as fins de semana do 20 ao 22 e do 27 ao 29 de novembro, con tapas a un prezo de 2 euros.

Os establecementos hostaleiros que desexen sumarse a esta segunda edición teñen ata as 14.00 horas do 28 de outubro para enviar a ficha de inscrición. Posteriormente, deberán remitir a ficha da tapa coa que participarán antes das 14.00 horas do 9 de novembro.

Nesta ocasión, o concurso organizarase en dúas zonas: a zona 1, que abrangue Urdilde e Augasantas, e a zona 2, que comprende Oín, Rois, Seira e Sorribas. Os locais participantes deberán ter as tapas á disposición do público todos os días do concurso, agás nas súas xornadas de peche oficial.

O alcalde, Ramón Tojo, destaca que esta iniciativa pretende dar a coñecer a calidade dos produtos e o bo facer dos profesionais da hostalería de Rois, así como animar a veciñanza e as persoas visitantes a descubrir a oferta gastronómica do municipio. Con esta segunda edición, o Concello busca tamén avanzar na consolidación dunha cita anual que incentive o turismo e favoreza os encontros arredor da gastronomía local.

Tapas a 2 euros e premios para os locais

Cada establecemento presentará unha única tapa, que poderá ser salgada ou doce, fría ou quente, ao prezo de 2 euros. Os votos do público decidirán as propostas gañadoras.

O Concello mantén os premios da primeira edición: 300 euros para a mellor tapa, 250 euros para a segunda e 150 euros para a terceira, ademais das correspondentes placas acreditativas.

Tres vales de 100 euros para o público

Unha das novidades desta segunda edición é a ampliación da participación a persoas a partir dos 6 anos, que poderán votar pola súa tapa favorita e optar ao sorteo de tres vales de 100 euros para gastar nos establecementos participantes. Os vales terán validez ata o 1 de marzo de 2027.

Para iso, deberán reunir no seu tríptico un mínimo de tres selos, con presenza das dúas zonas do concurso. Os locais entregarán os trípticos informativos e selaranos tras a degustación das tapas. Unha vez completados os requisitos, as persoas participantes deberán indicar a súa proposta favorita e depositar o tríptico nas furnas habilitadas nos establecementos.

Con Rois nun bocado!, o Concello convida a percorrer o municipio e gozar da súa gastronomía, ao tempo que apoia a actividade da hostalería local.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *