Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 octubre, 2026
O Concello de Padrón recoñece como Peregrinos de Honra aos membros da familia Vidal pola traxectoria do Grupo Scala, unha iniciativa empresarial de raíz familiar que leva máis de catro décadas contribuíndo á promoción turística, gastronómica e patrimonial do municipio.
O acto de entrega do galardón terá lugar o 30 de outubro, ás 19.00 horas, na Igrexa de Santiago de Padrón, e estará aberto á participación da veciñanza.
Padrón. 21-10-2026.- O Concello de Padrón concédelle o premio Padrón, Berce do Xacobeo á familia Vidal (Grupo Scala), que inclúe o recoñecemento Peregrino de Honra 2026, pola súa implicación no desenvolvemento dun modelo de turismo de calidade, vinculado á identidade, á gastronomía e ao patrimonio da vila.
Nesta edición, o Concello introduce un cambio na dinámica deste recoñecemento, que deixa de centrarse nunha persoa física para distinguir unha familia. Con esta decisión, quérese poñer en valor non só unha traxectoria individual, senón tamén o traballo colectivo, a continuidade xeracional e unha visión compartida que permitiu construír un proxecto empresarial estreitamente ligado a Padrón.
Desde a súa fundación en 1980, o Grupo Scala foi ampliando a súa actividade ata conformar unha proposta turística e gastronómica que integra catro referencias: o Hotel Scala, o Asador O’Pazo, o Pazo de Arretén e o Restaurante Brandal. A través destes establecementos, o grupo ofrece distintas formas de descubrir e gozar do territorio, desde a acollida das persoas visitantes e peregrinas ata a gastronomía de alto nivel e a celebración de eventos en espazos de especial valor histórico.
Entre os seus proxectos destaca o Asador O’Pazo, recoñecido cunha estrela Michelin e dous Soles Repsol, ademais de ser distinguido en 2025 pola guía gastronómica Opinionated About Dining (OAD) como o segundo mellor restaurante de nova creación de Europa. Estes recoñecementos avalan unha proposta que sitúa o produto de calidade, a brasa e a identidade gastronómica galega no centro da experiencia culinaria.
Tamén merece unha mención especial o Pazo de Arretén, un inmoble histórico do século XVI vinculado á familia materna de Rosalía de Castro, que foi rehabilitado para recuperar o seu valor patrimonial e convertelo nun espazo de aloxamento e celebracións. A súa recuperación representa un exemplo de como a conservación do patrimonio pode integrarse nunha oferta turística contemporánea, contribuíndo á posta en valor da historia e da cultura de Padrón.
Pola súa banda, o Hotel Scala constitúe desde as orixes do grupo un referente na hostalaría local e na atención ás persoas que visitan a vila, tamén ás que percorren o Camiño de Santiago. O Restaurante Brandal completa esta oferta cunha proposta gastronómica que combina a tradición culinaria galega, o coidado do produto e unha atención orientada a ofrecer experiencias diferenciadas.
O compromiso do Grupo Scala con Padrón vai máis alá da súa actividade empresarial. Ao longo da súa traxectoria, a familia Vidal mantivo unha disposición favorable á colaboración co Concello en iniciativas orientadas a mellorar a vila e a reforzar o seu atractivo. Esta implicación reflíctese, entre outros exemplos, na colaboración co alumeado de Nadal e no apoio a outros proxectos e propostas municipais que contribúen á dinamización da localidade, á mellora dos seus espazos e á calidade de vida da veciñanza.
Esta colaboración entre o tecido empresarial e a Administración local exemplifica a importancia de sumar esforzos para construír unha vila máis atractiva, dinámica e acolledora, tanto para as persoas que viven nela como para quen a visita. O Concello quere agradecer expresamente esta disposición e a implicación do Grupo Scala en iniciativas que contribúen ao desenvolvemento de Padrón.
Coa concesión do “Padrón, Berce do Xacobeo 2626”, o Concello de Padrón recoñece o valor das empresas familiares, desde o seu traballo diario e cunha visión compartida, contribúen a fortalecer a economía local, a mellorar a proxección exterior do municipio e a consolidar un modelo turístico no que a calidade, a cultura, a gastronomía e o patrimonio son elementos fundamentais.
O acto de entrega do recoñecemento “Padrón, Berce do Xacobeo” terá lugar o vindeiro 30 de outubro, ás 19.00 horas, na Igrexa de Santiago de Padrón. O Concello convida á veciñanza e a todas as persoas que desexen compartir este momento a participar nesta homenaxe á familia Vidal, nunha celebración que busca recoñecer publicamente a súa traxectoria e a súa contribución ao desenvolvemento turístico e económico de Padrón. Unha oportunidade para agradecer e poñer en valor o compromiso de quen, desde o seu traballo e o seu arraigamento, contribúe a construír o presente e o futuro da vila.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)