AD

Actualidad

Brión aproba uns Orzamentos de 7,7 millóns de euros

today29 mayo, 2024

Background
share close
AD
  • Son os primeiros orzamentos na historia do Concello de Brión que se abriron ao debate con todas as forzas políticas e no que se tiveron en conta algunhas das peticións dos grupos da oposición
  • O Pleno solicítalle á Deputación da Coruña unha subvención nominativa de 350.000 euros para o acondicionamento e remodelación do campo de fútbol José Pumar de Bastavales

29 de maio de 2024. O Pleno Municipal de Brión aprobou esta mañá os Orzamentos Municipais para 2024, que se presentan equilibrados en gastos e ingresos: 7.771.316,63 euros, un 6,88% máis ca en 2023 (7.270.728,30 euros). Un presuposto  “equilibrado, e que cumpre con todas as regras esixidas polo Estado; realista e social, xa que incrementa no posible as partidas destinadas aos distintos servizos á veciñanza; e investidor, xa que duplica a partida de investimentos reais”, destacou a voceira municipal, Sandy Cebral.

Ademais, Sandy Cebral fixo fincapé en que “estamos moi orgullosos xa que estes son os primeiros orzamentos da historia do Concello de Brión que se abren a debate con todas as forzas políticas. Agradecemos a disposición dos grupos políticos municipais e esperamos contar co apoio unánime para a aprobación dos Orzamentos  2024”. Unha unanimidade que finalmente non tivo lugar, xa que os orzamentos saíron adiante co voto a favor do PSOE e o PP, e co voto en contra do BNG.

Sandy Cebral agradeceu o traballo dos concelleiros do grupo de Goberno e do persoal municipal na elaboración destas contas, destacando que “polo que respecta aos gastos de persoal chegouse a acordo coa Mesa Xeral de Negociación e, na liña dos últimos anos, non hai incremento de impostos, non hai débeda e aumentáronse as consignacións nas políticas de seguridade e mobilidade cidadá, gasto social, cultura, educación e deportes”.

Máis de 1,2 millóns de euros para investimentos reais

Mirando polo miúdo estas contas, a partida de gastos de persoal diminúe un 0,98% con respecto ao exercicio 2023, mentres que o gasto corrente medra nun 2,34%, chegando ata os 3.057.656,21 euros, o 39,35% do orzamento total, para o mantemento dos servizos básicos prestados aos veciños e veciñas de Brión.

O Capítulo VI de Investimentos Reais experimenta un aumento do 51,54%, ata os 1.200.055,78 euros “motivado fundamentalmente pola consignación da achega da Axencia Galega de Infraestruturas para o financiamento da obra de Acondicionamento da AC-543 ao seu paso polo Concello de Brión”, recoñeceu Sandy Cebral, quen tamén salientou polo seu importe a Pavimentación do acceso a Gosende e outros, cunha achega municipal de 135.000 euros; os 65.000 euros do Plan Marco de Mellora de Acceso a Parcelas Agrícolas 2024-2025 e os proxectos do Plan Único, financiados integramente pola Deputación da Coruña. “Os restantes investimentos están financiados integramente con recursos propios e destínanse a atender necesidades presentes ou futuras da nosa veciñanza”, puntualizou a voceira do Grupo de Goberno.

Entre estes proxectos figuran 15.000 euros para a ampliación da rede municipal de abastecemento e saneamento en Brans de Abaixo, 22.500 euros para obradoiros de emprego, máis de 11.000 euros para melloras no CEIP de Pedrouzos, así como unha partida para actuacións na Carballeira de Santa Minia. Sandy Cebral lembrou que “os orzamentos non son un documento pechado, é variable, e conta con marxe de movemento, polo que, coma sempre, estamos abertos a todas as propostas que os grupos da oposición nos fagan chegar, e que repercutan positivamente na nosa veciñanza”.

Bo exemplo disto é que nas negociacións cos grupos municipais, o Grupo de Goberno acordou executar os seguintes investimentos:

  • Por parte do PP: mellora nos camiños de acceso a explotacións gandeiras en Graña-Pereiriña, Graña-Partantigo e cara o Chan de Filgueiras. Así mesmo, a petición de melloras en Tourís xa estaba contemplada no Plan de Obras e Servizos.
  • Por parte do BNG: axudas para material escolar e libros e renovación dos parques infantís de Cornanda, Luaña e Boullón. Punto no que a concelleira especificou que “hai un plan municipal para facer melloras en todo o concello” e adiantou que “precisamente o de Cornanda xa se está rematando nestes días”. Ademais, explicou que “compartimos con vostedes a petición da creación da pista de adestramento, que de feito foi no noso programa electoral. Non se acometerá neste ano, pero podo asegurarlle que se verá realizada nesta lexislatura”.

Debate plenario

No debate plenario os dous grupos da oposición agradeceron que por primeira vez na historia do Concello de Brión foran convidados a manter mesas de diálogo e a achegar propostas para os Orzamentos Municipais. Porén o voceiro do BNG, Xosé Luís Penas, xustificou o voto en contra do seu grupo en que “chegan tarde” e que son moi semellantes aos do ano pasado, polo que empregou os mesmos cualificativos para “unhas contas sen definición política”.

Así mesmo, criticou que o orzamento non recollera todas as propostas realizadas polo BNG, especialmente as da área de transparencia entre as que figuraban algunhas como a creación do Consello Escolar Municipal, a asistencia dos grupos políticos ás mesas de contratación, o compromiso de resposta ás reclamacións da veciñanza en menos dun mes, a creación dun consello deportivo municipal ou a participación dos grupos políticos nas redes sociais do Concello de Brión. Unha queixa á que a voceira do Goberno, Sandy Cebral, respondeu dicindo que “se se fan propostas non tanxibles nin cuantificables, non se poden incluír nun orzamento”, que contrapuxo ao traballo realizado dende o Concello “facendo propostas realistas, factibles e viables, sempre cumprindo as necesidades da veciñanza”.

Pola súa banda, a voceira do PP, María Fariña, agradeceu “a posta en común” dos orzamentos e “a inclusión das nosas achegas, que son propostas concretas e que teñen oco nun orzamento”, lembrando que “non por pedir moito se vai poder incluír todo porque os cartos son os que son”. Así mesmo, amosou a súa disposición a que “estas reunións se repitan ao longo do ano para tratar outros temas como que facer co IES de Viceso ou para arranxar a problemática do CEIP de Pedrouzos”.

Careo BNG-PP

A intervención da voceira do PP motivou un duro ataque polo BNG, formación que tiña contratada unha persoa no salón de plenos para a gravación do mesmo. “O PP vende os seus votos por 3 pistas. Nós non imos vender o noso voto”, asegurou Xosé Luís Penas, quen acusou aos populares de “esquecerse do seu programa electoral”. Foi entón cando anunciou o voto en contra do seu grupo aos orzamentos, especificando que “non sendo necesario o noso apoio porque van saír adiante igual”.

Dende o PP tomou a palabra o vice-voceiro, Waldo Carballo, para asegurar que “nin nos vendemos nin nos deixamos de vender. Votamos a favor de que se intente mellorar o noso concello”. Carballo apuntou que “nós vimos aquí a traballar polos veciños” e lembroulle ao voceiro nacionalista cando despois das eleccións “estivo 15 días negociando para despois non presentar a súa candidatura e agora anda a facer trapalladas”.

Finalmente, o alcalde, Pablo Lago, deu por rematado o debate facendo un chamamento á calma pois “o importante é chegar a acordos e para iso seguimos abertos”, ademais de agradecer “todo o traballo feito nesas mesas de traballo e posta de ideas para que Brión siga medrando”. E diante da crítica aos votos a favor de PSOE e PP á proposta de Orzamentos, Lago Sanmartín aseguroulle ao BNG que “aquí non hai nada oculto, o único que hai é traballo, 365 días de traballo e compromiso coa cidadanía”.

Resto da sesión

Onde si que houbo unanimidade foi na aprobación da modificación da Relación de Postos de Traballo para crear un posto de Axente de Igualdade de Xénero e outro de Oficial Administrativo. Finalmente, o Pleno aprobou, cos votos a favor do PSOE e as abstencións de PP e BNG, a petición dunha subvención nominativa de 350.000 euros á Deputación da Coruña para cofinanzar as obras de acondicionamento e remodelación do campo de fútbol José Pumar, na parroquia de Bastavales.

Unha actuación que suporá un investimento de 536.917,39 euros e cuxo proxecto foi redactado pola Real Federación Galega de Fútbol, a través dun convenio asinado co Concello de Brión. As obras suporán unha remodelación integral do campo de fútbol que emprega o Bastavales UD, incluída unha ampliación da súa superficie en dez metros. Con esas novas dimensións poderase xogar tanto a Fútbol-11 como a Fútbol-8, en dous campos de xogo. O proxecto inclúe tamén un novo alumeado, con catro torres de 20 metros e proxectores LED, así como una rede para a recollida da auga da chuvia e a instalación dunha nova rede de rego e dun peche das instalacións en aluminio.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%