AD

Comarca

Brión inicia as obras de ampliación do pavillón municipal de Pedrouzos

today9 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • Construirá un inmoble de 648 m2 que poderá ser empregado tanto actividades deportivas, culturais e sociais polo Concello, o CEIP de Pedrouzos e o IES Brión

9 de decembro de 2024.- O Concello de Brión vén de iniciar as obras de ampliación do pavillón municipal de Pedrouzos, un proxecto que suporá un investimento de 540.346 euros, dos que o Concello de Brión achegará 390.346 euros e os 150.000 euros restantes serán achegados pola Deputación da Coruña, grazas ao convenio asinado polo alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín, e o presidente provincial, Valentín González Formoso.

Os traballos deron comezo coa habilitación da parcela anexa ao polideportivo onde se emprazará o novo inmoble. “Durante o tempo que duren as obras haberá certa afectación ao tráfico de entrada e saída ao colexio, sobre todo cando coincida coa chegada dos autobuses”, explica Pablo Lago, quen sinala que “pedimos desculpas polas molestias pero estamos convencidos de que o resultado merecerá a pena pois teremos un novo pavillón multiusos e unha pérgola de acceso que conectará co polideportivo actual e que servirá tamén como zona de espera para o alumnado do colexio e do instituto tanto á hora de chegar aos centros como á hora de agardar polos autobuses de volta a casa”.

As obras consisten no mantemento do actual pavillón municipal, adosando un novo inmoble no seu lateral cara o CEIP de Pedrouzos e o IES de Brión, cunha superficie de 648 metros cadrados. “Será un espazo multiusos que poderá ser sede de competicións deportivas, acoller encontros culturais ou sociais, como concertos ou exposicións, e servirá de apoio ao colexio e ao instituto, pois nel poderanse desenvolver actividades extraescolares ou calquera outras que precisen”, apunta Lago Sanmartín. Todo, nun edificio sen ningún tipo de barreiras arquitectónicas.

O novo edificio será unha mestura entre unha estrutura de formigón de elementos prefabricados e unha estrutura metálica adosada, debido aos condicionantes construtivos que ten debido á proximidade do polideportivo e dos dous centros educativos. O novo inmoble contará cunha capa impermeabilizante e con paneis absorbentes acústicos, polo que manterá unha boa temperatura e evitará a reverberación do son, facéndoo máis axeitado para a práctica de calquera tipo de actividade cultural, social ou deportiva no seu interior.

O proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola de acceso entre o actual polideportivo e a nova ampliación. Cunha superficie duns 130 m2, protexerá das inclemencias meteorolóxicas ás persoas usuarias desta instalación, tanto á hora do seu acceso como no tempo de agarda para a súa volta á casa.

O actual pavillón polideportivo de Pedrouzos data de 1990 e conta cunha superficie de 1.368 metros cadrados. Trátase da infraestrutura municipal máis utilizada do concello, xa que todas as súas horas dispoñibles están ocupadas debido ao gran número de clubs e persoas que practican deporte en Brión. Unha poboación que pronto disporá dunha nova instalación para a práctica da súa modalidade deportiva.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *