Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 abril, 2026
O Goberno local de Brión lembra nun comunicado que as redes sociais do Concello deben ser un espazo de información, respecto e convivencia, e non un lugar para a difamación nin para a descalificación persoal. Desde o Concello fixeron un chamamento á responsabilidade e advertiron de que non se van tolerar este tipo de condutas, insistindo en que as redes deben empregarse con sentido común e co respecto debido ás persoas.
Esta petición prodúcese poucos días despois de que o alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz, fixese público que leva máis de catro meses sendo obxecto de ataques e ameazas veladas a través de perfís falsos na rede social Facebook, unha situación que cualifica de “inaceptable” dentro do marco do debate político.
Segundo explicou o rexedor, algunhas destas contas xa foron denunciadas ante a Garda Civil no mes de decembro de 2025, seguindo as recomendacións recibidas para tratar de identificar as persoas responsables detrás destes perfís anónimos. Díaz sinala que o obxectivo destas accións sería implicalo en diferentes situacións mediante insinuacións e mensaxes indirectas.
Ante esta situación, confirmou a súa intención de continuar cos procedementos pola vía xudicial “ata chegar ao final”, co fin de esclarecer os feitos e depurar responsabilidades.
Outros cargos públicos tamén anunciaron medidas legais ante situacións semellantes. Entre eles atópanse Blas García, alcalde de Ames, así como iniciativas no mesmo sentido impulsadas desde o Concello de Padrón e polos socialistas de Oroso.
Radio Líder Santiago saíu á rúa para coñecer a opinión da cidadanía sobre o uso das redes sociais.
As persoas consultadas coincidiron en sinalar a necesidade de fomentar un uso máis responsable destas plataformas. Moitas destacaron que o anonimato facilita comportamentos que dificilmente se producirían no trato cara a cara, como insultos ou acusacións sen probas.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)