AD

Comarca

Centos de persoas ateigaron o Pazo da Peregrina na VII Festa do Apego

today8 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O pazo converteuse nun espazo de socialización e de festa no que a través das diferentes propostas de concertos, obradoiros, música, xogos e teatro achegáronse recursos para unha crianza positiva, creativa e con moito apego
  • Blas García: “O máis importante é ver a tantas nenas e nenos gozando, aprendendo e facendo do galego a súa casa natural. Eles son a mellor garantía de que a nosa lingua seguirá viva e forte”

Ames, 8 de xuño de 2026 – O pasado sábado, 6 de xuño, o Pazo da Peregrina acolleu a sétima edición da Festa do Apego, unha xornada na que as familias e crianzas puideron gozar de diferentes propostas culturais, actividades, xogos e obradoiros para favorecer deste xeito á transmisión da lingua e unha crianza positiva, creativa e en galego. Pódese acceder á galería completa da festa do Apego nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, celebrou este sábado a sétima edición da súa Festa do Apego, unha xornada dirixida especialmente ás familias con nenos e nenas e que ten como obxectivo principal fomentar a transmisión da lingua galega.

Deste xeito, ao longo de todo o día, o Pazo da Peregrina converteuse nun espazo de socialización e de festa no que a través das diferentes propostas de concertos, obradoiros, música, xogos e teatro achegáronse recursos para unha crianza positiva, creativa e con moito apego.

Entre o público asistente, ademais de moitos cativos e cativas, destacou tamén a presenza de xente maior que quixo sumarse á festa xunto cos seus netos e netas. Tamén é de salientar a participación de persoal docente, interesado por materiais e ferramentas de crianza en galego. Ademais, o evento logrou atraer a público non só de Ames, senón tamén de outros moitos concellos como Teo, Santiago, Brión, Val do Dubra, Pontevedra, Santa Comba, Outes, Ordes, Vilagarcía de Arousa, Lugo etc

O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “van sete edicións da Festa do Apego e seguimos medrando. Un ano máis celebramos o que somos: unha comunidade que aposta polo galego, pola crianza en galego e por construír futuro desde a nosa lingua. Foron seis meses de actividades diversas, creativas e cheas de vida, que culminaron nun encontro marabilloso con centos de familias. Pero o máis importante é ver a tantas nenas e nenos gozando, aprendendo e facendo do galego a súa casa natural. Eles son a mellor garantía de que a nosa lingua seguirá viva e forte. Chegar ata aquí non sería posible sen o traballo incansable de Rosa e María, persoal do Servizo de Normalización Lingüística. Grazas por facer do Apego un proxecto tan especial”.

Actuacións

A festa comezou arredor das 11.00 horas coa obra “Este olliño pimpilín” da compañía Inventi Teatro. Trátase dun espectáculo teatral para familias con crianzas de 0 a 6 anos que se mergulla na tradición oral galega e crea un espazo de encontro interxeracional a través da palabra, da música e do xogo.

Ás 12.30 horas foi a quenda de “Bosque”, o primeiro musical da xornada da man de Mamá Cabra e Aurora Artes Escénicas. Neste divertido e participativo espectáculo musical e teatral, os animais e as plantas tiveron voz propia, ensinando a coidar os pequenos lugares naturais que cada quen ten ao seu carón para entre todos e todas contribuírmos a preservar a biodiversidade.

Logo do xantar, no que moitas familias fixeron pícnic na carballeira do Pazo, as actuacións retomáronse ás 17.15 horas con “As mil e unha”, de Vero Rilo e Luís Iglesias, unha proposta de contos e música para familias con crianzas a partir de 4 anos que nos achegou dun xeito lúdico e divertido á figura e ao legado da protagonista das Letras Galegas 2026, Begoña Caamaño, a través de conexións máxicas con personaxes como Circe ou Morgana.

As 18.30 horas foi o momento máis agardado polo público rockeiro: Pakolas e Laura Romero trouxeron, para esta edición da festa, o concerto “As máis molonas ilustradas!”. Un espectáculo multisdisciplinar que recolle as cancións máis coñecidas de Pakolas ilustradas en directo por Laura Romero.

Pechou as actuacións, ás 19.30 horas, Brais das Hortas, co seu novo espectaculasso “Comisión de Festas”. Neste último concerto da tarde, cunha mestura de humor, música, clown e teatro, o escenario converteuse nun torreiro que encheu o recinto de alegría e risas compartidas entre todos os asistentes.

Actividades permanentes

Como cada ano, outro dos principais atractivos da Festa do Apego foron as actividades permanentes durante toda a xornada. Grandes e pequenos, pais, nais, avós… compartiron espazos e momentos de xogo, de creatividade e de descuberta de novos e atractivos contidos en forma de conto, xogou ou música.

Nestes espazos permanentes, contouse con Fabaloba, Pedras de Papel, Miudiño, Brazolinda e persoal do propio Servizo de Normalización Lingüística amesán, encargado de achegar aos asistentes o programa Apego. Ademais, editoriais de referencia como  Bululú, Antela Editorial, Patas de Peixe, OQO e Kalandraka proporcionaron para festa unha ampla mostra das súas últimas publicacións.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *