AD

Arte y Cultura

Concerto de despedida de Braulio Cao como director da Banda de Padrón

today20 noviembre, 2023

Fondo
share close
AD
  • Os integrantes da banda e a veciñanza agradecéronlle o seu traballo nos últimos quince anos
  • “Se algo nos deixas é un gran futuro por diante que espero que sexa exitoso para ti como non me cabe dúbida que tamén o será para a banda”, subliñou o alcalde de Padrón
  • Ademais de Anxo Arca, participaron na despedida a primeira tenente de alcalde, Chus Campos; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o presidente da Fundación Rosalía de Castro e académico da RAG, Anxo Angueira; ou Iván Estévez, presidente da Federación Galega de Bandas

Padrón, 20-11-2023.- Braulio Cao pechou a súa etapa como director da Banda de Música Municipal de Padrón cunha actuación moi emotiva. O auditorio padronés acolleu este domingo 19 de novembro o concerto de despedida coincidindo coa celebración da festividade de Santa Icía, patroa dos músicos, e sobre o escenario quedou patente o seu bo facer ao fronte da entidade, así como o cariño e a especial relación que se fraguou cos seus pupilos nos seus 15 anos como titular da praza.

Os aplausos chegaron tanto dende o numeroso público que encheu o auditorio, co alcalde Anxo Arca sentado na primeira fila xunto á concelleira e primeira tenente de alcalde, Chus Campos, como dende o escenario, cos músicos da banda ovacionándoo. Tamén acudiron ao acto Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e académico da RAG; Iván Estévez, presidente da Federación Galega de Bandas; Santiago López, director da Coral Polifónica de Padrón; e membros da corporación municipal.

Anxo Arca subliñou o labor realizado na Banda nestes últimos quince anos e na herdanza que deixa Braulio Cao, mestre “dunha xeración de profesionais que son o orgullo do pobo”. “Se algo nos deixas é un gran futuro por diante que espero que sexa exitoso para ti como non me cabe dúbida que tamén o será para a Banda”, engadiu.

Dende setembro de 2008, data en que Braulio Cao accedeu ao cargo, gañou o respecto e sobre todo o cariño de todos os seus integrantes. O 90% dos músicos actuais formáronse e creceron con el á fronte da entidade, baixo a súa tutela iniciáronse na música e deron os primeiros pasos co clarinete (instrumento do que posúe a Titulación Superior), e mesmo levou á Banda a lograr no ano 2015 o primeiro posto no Certame Galego de Bandas, premio que se celebrou coa veciñanza de Padrón cun pasarrúas.

Pola súa parte, Valentín García, amigo persoal de Braulio, subliñou a “calidade persoal” do director da Banda de Padrón así como o traballo feito nestes anos e o legado que deixa na vila “un gran mestre”.

Emocionado polas verbas que destacaron o seu traballo e polos regalos recibidos por parte das diferentes institucións, Braulio Cao insistiu en que “o importante como colectivo é a amizade e a gran familia que fixemos dentro da Banda”. Ademais, agradeceu ás familias dos músicos a súa colaboración nestes anos porque o fixo estar “apoiado, realizado e seguro dos que estaba facendo”. “Nunca vos esquecerei, non me despido para sempre, sempre colaborarei no que me pidades. Lévovos no corazón. Grazas por aguantarme, por aguantarnos mutuamente, e ata sempre”, rematou a súa intervención.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%