Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 noviembre, 2023
Ames, 23 de novembro de 2023.- O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, presentou hoxe o XVIII concurso de escaparates de Nadal e a segunda edición do concurso de decoración de Nadal veciñal. Un ano máis, búscase que tanto comerciantes como veciños colaboren co Concello na decoración do municipio durante as festas de Nadal. Poderanse decorar escaparates comerciais, fachadas, balcóns, fiestras e xardíns de edificios e vivendas particulares. As inscricións para participar en ambos certames xa están abertas. Repartirase un total de 6.000 euros (4.000 euros no concurso de escaparates, e 2.000 no de decoración veciñal), divididos en oito premios (haberá catro premios por concurso).
A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación dos dous concursos de decoración de Nadal que organiza o Concello de Ames. No acto estiveron presentes o alcalde, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago. Presentáronse o XVIII concurso de escaparates de Nadal e o II concurso de decoración de Nadal veciñal.
Concurso de escaparates
Nesta décimo oitava edición do concurso de escaparates teranse en conta o desexo ou atracción pola compra e a orixinalidade, así como a sustentabilidade e o emprego dos propios produtos do comercio ou tenda. Repartiranse 4.000 euros, divididos en catro premios de 1.500€, 1.100€, 800€ e 600€ respectivamente. Ademais, aos catro gañadores cederáselles un espazo publicitario de balde en Ames Radio durante un mes. Aqueles que estean interesados en participar xa poden presentar as súas solicitudes nos rexistros municipais da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou nas Oficinas Municipais do Milladoiro en horario de 9:00 a 14:00 horas. A inscrición tamén pode facerse a través da Sede electrónica do Concello (sede.concellodeames.gal). O prazo de inscrición remata o 5 de decembro ás 14:00 horas.
Os motivos e decoración dos escaparates terán como tema as festas de Nadal e só poderá presentarse un único proxecto por establecemento. Os escaparates deberán estar expostos ao público, como mínimo, entre o 9 de decembro de 2023 e o 1 de xaneiro de 2024. Todos os participantes terán que enviar unha foto da súa decoración ao enderezo de correo promocioneconomica@concellodeames.gal antes do 18 de decembro de 2023.
Decoración veciñal
Tamén se presentou a segunda edición do concurso de decoración de Nadal veciñal. Como xa acontecera o ano pasado, o obxectivo é incentivar a creatividade dos veciños domunicipio, participando e colaborando na decoración de fachadas, balcóns, fiestras e xardíns, dando así un ambiente artístico e tradicional que transmita o espírito festivo. Con esta iniciativa tamén se busca contribuír a mellorar o ánimo da veciñanza e crear un novo foco de atención para os visitantes do Concello, tanto no ámbito rural como no urbano.
Neste caso, as decoracións deberán estar expostas entre o 9 de decembro de 2023 e o 6 de xaneiro de 2024, e só poderá presentarse un único proxecto por vivenda.
Os adornos e decoracións deben ser típicos de Nadal, así como a composición de elementos e a proposta de ornamentación das fachadas, ventás, entradas, casa, árbores, etc. dos participantes. A zona elixida para ser decorada ten que ser totalmente visible dende a vía pública. O elementos decorativos terán que situarse sobre as fachadas, balcóns, fiestras e xardíns sen causar ningún tipo de perigo ou prexuízo ás persoas e os bens, e non poderán ocupar as vías de circulación. En caso de realizar a decoración aproveitando o voo das vías públicas (colocación de grilandas, faroliños, iluminación…), deberá contarse coa aprobación dos donos dos inmobles. Ademais, estará totalmente prohibido empregar lume, fachos, velas ou calquera outro elemento pirotécnico na iluminación.
Como pode inscribirse a veciñanza?
As persoas que queiran participar no concurso de decoración veciñal poden inscribirse de balde ata o 5 de decembro inclusive, presentando a súa solicitude nos rexistros municipais ou a través da Sede electrónica do Concello. Os participantes deberán aportar antes do día 18 de decembro de 2023 (incluído) cando menos 2 fotografías polas que se poida visualizar a decoración realizada. A achega das fotografías realizarase á conta de correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal, facendo constar o número de rexistro da solicitude de inscrición do Anexo I e a identidade do representante.
Valorarase a creatividade, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta ademais a orixinalidade e a elaboración propia. Do mesmo xeito, terase en conta o uso de iluminación como foco de atracción e o uso de material reciclado. Repartiranse 2.000 euros, divididos en catro premios de 500 euros cada un.
En ambos concursos o xurado será o mesmo. A este respecto, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu de antemán “o dobre traballo que vai realizar”. Estará composto por un/unha representante do voluntariado de Ames, un/unha representante do voluntariado de Protección Civil de Ames, un/unha representante da Unión de Consumidores de Galicia e, como novidade, un/unha representante do espazo de traballo colaborativo coworking “A Proa” especialista en interiorismo. Con esta incorporación o que se pretende é “dar visibilidade ao traballo que se está a facer en A Proa”, segundo sinalou o técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “o concurso de escaparates é un certame xa consolidado que vai pola décimo oitava edición. Neste concurso repartiranse 4.000 euros en catro premios que van dende os 1.500 euros ata os 600 euros. Valorarase o deseño ou atracción pola compra, a orixinalidade, a utilización de
produtos propios así como de produtos reciclados. Ademais, este ano volvemos apostar por segundo ano consecutivo polo concurso de Nadal veciñal que estará dotado con 2.000 euros repartidos en catro premios de 500 euros cada un. O obxectivo é que os/as comerciantes e a veciñanza en xeral colabore co Concello na decoración de Nadal e entre todos e todas axudemos a dinamizar e darlle luz e cor as nosas rúas e ao noso rural para axudar ao noso comercio e a hostalaría local”.
Dúas iniciativas de éxito
Durante a presentación, o alcalde de Ames, Blas García, destacou “a vontade do Concello de axudar ao comercio local con iniciativas que animen aos veciños a mercar no seu municipio”. Puxo como exemplo o concurso de escaparates; “un proxecto que este ano chega á maioría de idade, o que indica que é un concurso con éxito”. Sobre esta cuestión sinalou que, “en edicións anteriores entre ambos concursos superouse o medio centenar de solicitudes de participación”.
O rexedor afirmou tamén que “tanto o de escaparates como o de decoración veciñal son concursos nos que se valora a sustentabilidade e a reciclaxe á hora de planificar e elaborar as ornamentacións”. Por último animou á veciñanza a participar no II concurso de decoración de Nadal veciñal, deixando aberta a posibilidade de elaborar desde o Concello unha guía turística para que todos os que o desexen poidan ver todas as decoracións participantes.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)