AD

Destacado

Criminalidade | O PP acusa ao goberno de “mirar para outro lado” e o executivo responde: “Santiago non é o Bronx”

today27 mayo, 2026

Fondo
share close
AD
  • BNG, PSOE, Compostela Aberta e PP discrepan sobre a interpretación dos datos de criminalidade en Santiago mentres medra a preocupación social por roubos, pelexas e sensación de inseguridade na cidade.

A seguridade cidadá converteuse este luns nun dos principais focos de confrontación política en Santiago de Compostela durante unha nova edición do programa “Hai Debate”, de Radio Líder Santiago. O incremento dos delitos rexistrados na cidade, especialmente os roubos con violencia e as pelexas, provocou un intenso intercambio de argumentos entre representantes do goberno municipal e da oposición, cun fondo debate sobre a percepción de inseguridade da veciñanza e as medidas necesarias para frear a situación.

Segundo os datos expostos durante o programa, Santiago rexistrou en 2025 un incremento do 2,9% nas infraccións penais respecto ao ano anterior, cun aumento especialmente significativo dos roubos con violencia e intimidación, que medraron arredor dun 70%. Tamén se puxo sobre a mesa que a delincuencia aumentou un 44,5% desde 2013.

A tenente de alcaldesa e portavoz do BNG, Míriam Louzao, insistiu en varias ocasións en que “Santiago é unha cidade segura tanto no contexto galego como estatal”, malia recoñecer a preocupación existente polos últimos episodios de violencia. A nacionalista advertiu tamén do risco de “amplificar determinadas situacións” a través das redes sociais e dos medios, algo que, segundo dixo, “pode incluso facer un certo efecto chamada”.

Louzao defendeu que o goberno municipal mantén contacto permanente coa Delegación do Goberno e cos corpos policiais e subliñou que “non nos gusta ningún caso de delincuencia, especialmente aqueles que supoñen agresións ás persoas”. A portavoz nacionalista tamén apelou á responsabilidade política e social á hora de trasladar mensaxes á cidadanía: “Vivimos nunha sociedade cada vez máis violenta, máis crispada e máis enfadada”.

Pola súa banda, o concelleiro do PP Borja Rubio cargou con dureza contra o executivo local e asegurou que “o que é medible non é opinable”. O popular afirmou que Compostela “ocupa o número un en Galicia en delitos” e sostivo que a sensación de inseguridade é crecente entre comerciantes e veciñanza. “Xa non son casos illados nin esporádicos”, afirmou, ao tempo que relatou testemuños de comerciantes afectados por roubos, agresións e actos vandálicos.

Rubio acusou ao goberno local de “buscar escusas” e de minimizar o problema durante os últimos anos. “Alertar dun problema non é crear alarma”, sostivo. Tamén reclamou máis medidas de seguridade e criticou a negativa do executivo municipal á instalación de máis cámaras de videovixilancia: “Levamos tres anos pedindo cámaras de seguridade en toda a cidade”.

Desde o PSOE, Marta Abal recoñeceu que determinados delitos, especialmente as pelexas e lesións vinculadas ao ocio nocturno, requiren atención específica, aínda que insistiu en que “Santiago é unha cidade eminentemente segura”. A socialista puxo o foco nos ciberdelitos como principal causa do incremento global das infraccións penais e destacou que “nos delitos convencionais prodúcese unha diminución do 0,95%”.

Abal advertiu ademais de que “non podemos caer no alarmismo dicindo que Santiago é unha cidade insegura”, aínda que admitiu a necesidade de reforzar a prevención en determinados contextos relacionados co ocio nocturno e os conflitos na rúa.

Tamén María Rozas, de Compostela Aberta, criticou o que considerou unha utilización política da inseguridade. “O Goberno non lle resta importancia a ningún delito, pero facer unha utilización para trasladar unha imaxe de Santiago que non é a realidade non é positivo para a cidade”, afirmou.

Rozas insistiu en contextualizar os datos comparándoos con outras cidades galegas e lembrou que fenómenos como as pelexas tamén medraron noutras urbes. A edil cuestionou ademais a eficacia das cámaras de videovixilancia como solución principal, achegando datos doutras cidades onde o aumento destes sistemas non evitou incrementos da criminalidade. “Son as cámaras de videovixilancia a solución? Os datos dan algo máis que pensar”, reflexionou.

O debate tamén abordou o impacto das redes sociais na percepción cidadá da inseguridade. O moderador do programa apuntou ao crecemento das publicacións virais sobre roubos, agresións ou conflitos na cidade, mentres os participantes coincidiron en que a difusión constante deste tipo de contidos contribúe a incrementar a sensación de alarma social.

A discusión rematou cun choque directo entre goberno e oposición sobre a interpretación dos datos e sobre o relato político arredor da seguridade en Compostela. Mentres o executivo insiste en que Santiago segue sendo unha cidade segura malia os episodios recentes, o PP considera que existe un problema estrutural que xa afecta á vida diaria da cidadanía e do comercio local.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *