Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 marzo, 2025
Comunicado Grupo Municipal Socialista de Santiago:
Somos socialistas. E iso non hai resolución nin decisión de organización algunha que o poida cambiar. Porque ser socialista implica crer nun mundo máis xusto e defender unha sociedade baseada na igualdade. Implica defender os valores da liberdade, a igualdade e a fraternidade. E nós, seguiremos a defendelos co noso traballo no Concello de Santiago de Compostela ata o 2027, cumprindo o compromiso acadado coas nosas veciñas e veciños que nos apoiaron nas últimas eleccións locais.
Porque ter palabra implica cumprir os compromisos, respectar as promesas que lle fixemos á cidadanía e actuar de acordo ás ideas e valores do partido ao que, con total honestidade, cremos estar en plenas condicións de poder seguir representando con dignidade.
Nas últimas semanas e meses, difundíronse informacións falsas e acusóusenos de incumprir normas de funcionamento do partido ao que levamos anos pertencendo. Precisamente, por todos os anos de militancia activa e, nalgúns casos, ocupando cargos de responsabilidade orgánica dentro da formación, sabemos o que é cumprir as normas. E sempre as respectamos.
Seguras de telo feito, vémonos na obriga de defender a verdade do acontecido noutro foro. Acudiremos á xustiza ordinaria vía civil e incluso penal. Farémolo por dignidade, para defender a nosa integridade e, sobre todo, porque non estamos dispostas a permitir que de forma arbitraria alguén decida quen pode ou non ser socialista en función das súas preferencias persoais. Non estamos dispostas a baixar os brazos ante unhas presións constantes que, desde antes incluso de tomar posesión das nosas actas de concelleiras, procuraron a nosa renuncia para facer oco. O ‘quítate ti para poñerme eu’ de toda a vida.
Desde a convicción de ter feito as cousas ben, de actuar en todo momento respectando as normas do partido pero poñendo por diante dos intereses partidistas os das veciñas e veciños de Compostela, aos que representamos con moito orgullo, imos defender a verdade do que ocorreu. Non só por integridade, senón porque como demócratas, temos a obriga de defender as regras da democracia representativa.
E porque, outra cousa, implicaría outorgarlle a certas persoas un dominio arbitrario dunha organización que debera responder a un funcionamento democrático, no que todas e todos puideramos sumar ao obxectivo conxunto de facer unha Compostela mellor. Advertímolo o mércores, de ratificarse a expulsión nesta semana, o proceso xa non respondería a uns criterios temporais de garantía, senón aos intereses duns poucos que estiveron marcando os prazos durante todo este proceso.
Pero agora temos que engadir que, lamentablemente, non é a Comisión Federal de Ética e Garantías quen ratifica a expulsión, senón só dous dos seus membros, presidente e secretaria, alegando a urxencia da decisión. Unha urxencia por resolver este expediente que non se aprecia noutros abertos na nosa provincia, en toda Galicia e no Estado, pendentes de resolución firme desde hai meses, ante mocións de censura da man do Partido Popular ou presuntos casos de corrupción e que, nalgún caso, está a provocar un enorme dano á reputación das nosas siglas.
Este expediente resólvese antes que outros moitos. Semella que os criterios non son os mesmos para todas e todos: nin igualdade nin fraternidade.
Ante isto, polo tanto, nós recorremos á xustiza. Con folgos renovados tralo apoio das máis de 800 persoas que teñen subscrito esa carta de apoio a nolas catro. Desde a convicción de que o noso traballo nestes anos, de compromiso con Compostela e lealdade co PSdeG, non merece este final.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)