AD

Comarca

Palas de Rei, o municipio galego con máis coches por habitante

today30 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD

O concello lucense rexistra 1.283 turismos por cada 1.000 habitantes, máis do dobre da media galega

Palas de Rei sitúase á cabeza de Galicia en número de turismos por habitante. Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), o municipio conta con 1.283 vehículos por cada 1.000 veciños, o que significa que, de repartirse todos os coches rexistrados a partes iguais entre a poboación, correspondería máis dun turismo por persoa.

Os datos colocan a Galicia no terceiro posto do conxunto de España en parque de turismos por habitante. A comunidade contabiliza 595,9 coches por cada 1.000 veciños, un 13,5% por riba da media estatal, situada en 525 vehículos por cada milleiro de habitantes.

No ámbito galego, só tres concellos superan a barreira dun coche por habitante e todos eles se atopan na provincia de Lugo. Palas de Rei lidera a clasificación con 1.283 turismos por cada 1.000 habitantes, seguido de Portomarín, con 1.111, e A Pastoriza, con 1.082.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, atribúe esta elevada cifra á combinación de varios factores. En primeiro lugar, apunta ao carácter rural do municipio, que provoca unha maior dependencia do vehículo privado para acudir ao traballo, realizar xestións ou desenvolver tarefas cotiás.

Taboada tamén destaca o incremento da renda rexistrado nos últimos anos, ligado ao crecemento da actividade industrial e económica do concello e ao impacto do Camiño de Santiago. Neste sentido, sinala que Palas de Rei se atopa entre os municipios galegos con maior investimento industrial por habitante.

A estes elementos súmase, segundo o rexedor, a fiscalidade municipal. Palas de Rei conta cun dos impostos de circulación de vehículos máis baixos de Galicia, unha circunstancia que favorece que tanto particulares como empresas establezan no municipio o seu domicilio fiscal e rexistren nel os seus vehículos.

Esta combinación de dispersión territorial, actividade económica e menor presión fiscal contribuiría así a explicar que Palas de Rei presente a maior proporción de turismos por habitante de toda Galicia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *