Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 mayo, 2025
A Estrada, 8 de maio de 2025.- Concello da Estrada e Xunta de Galicia amosaron ao comezo desta mesma semana que comparten a aposta prioritaria pola vivenda. Tanto o alcalde estradense, Gonzalo Louzao, como o presidente do goberno galego, Alfonso Rueda, empregaron os seus discursos durante o acto celebrado en Lalín para poñer o acento na “responsabilidade compartida” e na cooperación entre as administracións públicas para ofrecer “solucións reais ao problema da vivenda”, sinalando que a resposta pasa, necesariamente, por “cooperar, planificar e priorizar os recursos” para actuar neste eido. Asinada a cesión da parcela para construír 28 novas vivendas nunha rúa de nova apertura na urbanización que enmarcan as avenidas de Vigo, Pontevedra e a Rúa Marín, o xefe do executivo local fixo hoxe fincapé en que este paso suporá a primeira edificación de vivendas de promoción pública na Estrada despois de máis de dúas décadas.
A nova promoción pública será a quinta que se levanta sobre solo estradense, despois das dúas de maior antigüidade construídas ao pé da N-640, na Avenida de Pontevedra, e outras dúas construídas, cunha maior proximidade no tempo, na Avenida Fernando Conde. A última delas remóntase a comezos dos anos 2000. A intención do goberno que encabeza Louzao Dono é que estas novas 28 vivendas de promoción pública marquen unha primeira fase, neste caso sobre a parcela cedida ao efecto pola administración municipal.
O alcalde fixo alusión hoxe a que esta construción permitirá comezar a dar resposta ao elevado número de solicitantes estradenses que figuran no Rexistro Único de Demandantes de Galicia. A día de hoxe son 88 as persoas inscritas que demandan unha vivenda de protección no termo municipal estradense, sendo 68 os solicitantes que vencellan o seu interese a vivendas de promoción pública, nas opcións de compra (14), alugueiro (37) o alugueiro con opción de compra (17).
Pronta resposta
“Agradezo profundamente a rápida resposta que obtiven tralo ofrecemento de terreos á consellería, na miña primeira reunión na Xunta como alcalde da Estrada”, dixo Louzao. “Confío en que esta se converta nunha primeira fase, tendo en conta que o Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública está conformado por preto dun cento de estradenses que buscan neste tipo de vivenda a súa solución residencial”, engadiu. O mandatario agardou que a aposta das administracións pola construción de nova vivenda na Estrada cale no sector privado e serva para “abrir dinámicas de tracción”, capaces de tirar no sector “para que tamén vexa a oportunidade de investir no futuro estradense”, dixo.
O titular do goberno galego enmarcou o martes esta iniciativa nunha política integral e ambiciosa que, segundo indicou, busca duplicar o parque residencial da Comunidade, pasando de 4.000 a 8.000 vivendas públicas. A día de hoxe, subliñou, xa hai “máis de 2.000” en distintas fases de execución, tanto en cidades como en concellos medianos e pequenos. “Esa Galicia calidade que estamos a facer entre todos non será se non hai unha vivenda de calidade”, salientou.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)