AD

Actualidad

Do anonimato á historia: Cristian Silva reivindica os percusionistas da música tradicional galega

today20 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

O músico e investigador Cristian Silva fundamenta no seu traballo a existencia dunha ‘Escola Galega de Percusión’ e saca do anonimato xeracións de percusionistas que sufriron invisibilización e fenda salarial respecto dos gaiteiros

A tese doutoral de Cristian Silva Bóveda, recentemente defendida e publicada no Programa de Doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, pon o foco nun dos elementos máis esquecidos da historiografía musical do país: a percusión tradicional galega. A investigación, titulada ‘O ruído: a percusión como acompañamento da gaita na Galicia do S. XX. instrumentos, intérpretes e padróns rítmicos’ e dirixida polo profesor Francisco Javier Garbayo Montabes, analiza a evolución deste patrimonio dende unha perspectiva etnolóxica, técnica e histórica. O traballo xorde para cubrir un baleiro fundamental: a pesar de ser o eixe vertebrador do ritmo nas romarías e festas, os instrumentos de percusión foron «historicamente menosprezados e os seus intérpretes relegados a un plano subalterno», segundo o autor.

Invisibilización histórica e fenda salarial

O estudo de Cristian Silva pon de manifesto como, a diferenza do gaiteiro —considerado o «dono» ou director do grupo—, o percusionista (tamborileiro, caixeiro ou bombeiro) percibía sistematicamente unha remuneración inferior e o seu nome era ocultado de forma case constante nos carteis, programas e rexistros históricos, figurando moitas veces baixo a etiqueta subalterna de «criado» ou «mozo». A tese resignifica ademais o propio concepto popular de ‘ruído’ ou ‘arruídos’, empregado historicamente nas Rías Baixas e no resto de Galicia, demostrando que non se trataba dunha categoría cacofónica, senón dunha expresión de orgullo e identidade popular.

Codificación da ‘Escola Galega de Percusión’

Máis alá da análise social e de xénero, a investigación ten un profundo carácter empírico. A través da deconstrución espectrográfica e auditiva de gravacións históricas do século XX —con figuras de referencia como os gaiteiros de Soutelo, Os Campaneiros de Vilagarcía ou a diáspora bonaerense—, o autor conseguiu illar os rudimentos e esquemas rítmicos tradicionais. Con este baleirado, a tese valida cientificamente por primeira vez a existencia dunha Escola Galega de Percusión, definindo unha gramática e uns padróns rítmicos propios e estables para bailes soltos (muiñeira, xota) e agarrados (pasodobre, rumba, polca).

A investigación pecha o seu arco cronolóxico analizando a recente revolución pedagóxica e tecnolóxica do século XXI, que vai dende a aparición dos primeiros métodos escritos de tambor galego ata a comercialización dos primeiros bancos de samplers virtuais de alta definición.

«A percusión nunca foi un mero metrónomo humano nin un acompañamento intuitivo sen valor, senón un sistema cultural e técnico de primeiro nivel. Esta tese busca facer xustiza histórica e devolverlle aos percusionistas o lugar central que sempre tiveron na nosa música», sinala Cristian Silva. O traballo foi concibido tamén como unha «investigación de quilómetro cero» centrada no Salnés e a vila do Carril pero con proxección global.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *