AD

Actualidad

O PSOE reclama avances na municipalización dos aparcadoiros de Praza de Vigo e Praza de Galicia

today20 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal criticou a falta de planificación do goberno de Goretti Sanmartín na municipalización dos aparcadoiros de Praza de Vigo e Praza de Galicia. A edil pronunciouse despois de que o executivo local aprobase este luns unha nova orde de continuidade para a xestión do aparcadoiro de Praza de Vigo, unha decisión que, segundo denunciou, prolonga unha situación de “precariedade contractual” que podería estar resolta se o goberno actuase a tempo.

Abal lembrou que a comisión de estudo deu o visto e prace á municipalización da xestión dos dous aparcadoiros o pasado 19 de xuño e que a previsión inicial era elevar o expediente ao Pleno ordinario de xullo. Porén, sinalou que, máis de tres meses despois da data prevista, o grupo socialista segue sen ter noticias dos avances na tramitación.

Para a concelleira, a aprobación dunha nova orde de continuidade pon de manifesto os atrasos do executivo nun proceso que xa conta cun pronunciamento favorable da comisión de estudo. Neste sentido, afirmou que a situación podería estar resolta “se o goberno de Goretti Sanmartín fixese os deberes a tempo”.

A representante socialista advertiu tamén das consecuencias desta demora para o servizo. Segundo expuxo, o atraso na municipalización está a pospoñer a posibilidade de mellorar as infraestruturas e ofrecer tarifas competitivas, así como de estudar o papel que poden desempeñar ambos os aparcadoiros no apoio ao comercio local e á mobilidade da veciñanza residente.

Abal considera que estas instalacións ofrecen oportunidades para avanzar cara a un novo modelo de xestión e mellorar un servizo relevante para Santiago. Por iso, cuestionou que o proceso continúe pendente sen que se coñezan novos pasos nin unha data concreta para o seu debate plenario.

Ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista reclama ao goberno local que informe dos avances realizados desde o pronunciamento da comisión de estudo e que concrete cando ten previsto levar ao Pleno a municipalización dos dous aparcadoiros.

“Canto máis vai ter que agardar Santiago para que este cambio se faga realidade?”, preguntou Abal, quen insistiu na necesidade de que o executivo deixe de acumular atrasos e ofreza respostas sobre o futuro da xestión destas instalacións.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *