AD

Comarca

Memoria, encontros e regueifa nas tres propostas do Cine de outono de Ames

today27 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

Na primeira xornada contarase coa presenza do director de San Simón, Miguel Ángel Delgado, para a presentación do filme e posterior coloquio. Na segunda xornada asistirá a actriz, Mara Sánchez, que forma parte do reparto de As liñas descontinuas. E na terceira e última xornada do ciclo participará Manolo Maseda, director e guionista do documental Ao son da nova regueifa

Ames, 27 de outubro de 2026.- O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, programa un novo ciclo de cine durante o mes de novembro no que se proxectarán os filmes San Simón, As liñas descontinuas e Ao son da nova regueifa. Todas elas serán proxectadas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os xoves 5, 12 e 20 de novembro, ás 20.00 horas. Este ciclo de cine enmárcase dentro da programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro. Ao final das proxeccións haberá un pequeno coloquio sobre os filmes. As entradas teñen un prezo xeral de 3 euros e un prezo reducido de 1,50 euros. Pódense adquirir a través da Billeteira electrónica. Para o documental Ao son da nova regueifa hai que coller convite na Billeteira electrónica.

Coa chegada do mes de novembro volve a Ames unha nova edición do programa Cine de outono, unha proposta organizada pola Concellaría de Cultura, que ten como obxectivo achegar á veciñanza diferentes filmes en galego. Esta iniciativa súmase ao ciclo Abril de Cine que se organiza durante a primavera.

Deste xeito, o vindeiro xoves, 5 de novembro, comeza este ciclo de cine coa proxección do filme San Simón, dirixida por Miguel Ángel Delgado; o xoves 12 poderase ver a longametraxe As liñas descontinuas, de Anxos Fazán; e o xoves 20 proxectarase o documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. As tres sesión de cine serán no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas.

Na primeira xornada contarase coa presenza do director de San Simón, Miguel Ángel Delgado, para a presentación do filme e posterior coloquio. Na segunda xornada asistirá a actriz, Mara Sánchez, que forma parte do reparto de As liñas descontinuas. E na terceira e última xornada do ciclo participará Manolo Maseda, director e guionista do documental Ao son da nova regueifa.

Primeira sesión: San Simón

Esta é unha produción de 2025 feita en galego, e que se enmarca dentro do xénero do drama. Está dirixida a persoas maiores de 12 anos e ten unha duración de 108 minutos. A dirección deste filme corre a cargo de Miguel Ángel Delgado e o reparto está composto por Alexandro Bouzó, Flako Estévez, Ana Fontenla, Manuel Landeiro, Guillermo Queiro, Darío Fernández Raposo, Lucía Amarillee Torrado e Xaime Vilasoa.

A historia sitúase en outubro de 1936, cando o réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por toda España: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos pechados. A illa de San Simón destacaba pola súa insularidade, e o réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión, rodeados dunha beleza abafadora. A historia continua sete anos despois, cando Lamas, un dos presos da illa, recorda a historia de homes e mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega.

Segunda sesión: As liñas descontinuas

A segunda sesión do ciclo será o xoves, 12 de novembro, e poderase asistir a ver As liñas descontinuas. Trátase doutro drama en galego producido en 2025. Esta longametraxe está dirixida a persoas maiores de 12 anos e ten unha duración de 90 minutos. Está dirixida por Anxos Fazáns e o reparto está composto por Mara Sánchez, Adam Prieto, Alberto Rolán, Ana Fórneas, Lidia Veiga e Mónica García.

O filme conta a historia de Bea, unha muller de 50 anos que se está a separar do seu home. O día no que ten que abandonar o fogar no que viviu os últimos vinte anos chega á súa casa e atopa todo esnaquizado e a un dos ladróns durmido na súa cama. Denís é un rapaz transxénero de 28 anos que, aínda que estudou unha carreira, loita coa precariedade laboral e a falta de oportunidades. Logo de pasar tres días xuntos, cada un deberá continuar o seu camiño.

Terceira sesión: Ao son da nova regueifa

A terceira e última sesión do ciclo está prevista para o xoves 20 de novembro. Nesta xornada proxectarase o documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. Cunha duración de 60 minutos, este documental propón unha viaxe na procura das pontes construídas entre a regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral en Galicia.

Nun percorrido que atravesa o país de norte a sur, coñecemos regueifeiras e regueifeiros que nos abren as portas ao mundo do repentismo, traendo á fronte o talento, a creatividade e a diversidade que caracteriza a regueifa hoxe en día.

Neste itinerario que vai de Bergantiños a Vigo, non deixan de presentársenos unha serie de opostos: tradición e modernidade, aldea e cidade, aprendizaxe innata e pedagoxía… A través de testemuñas apaixonadas, versos improvisados e moita música, trázase un retrato poliédrico da regueifa contemporánea: unha arte con raíces fondas e ás abertas, disposta a seguir improvisando polos camiños do vento.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *