Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 mayo, 2024
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual das augas mineromedicinais. Esta iniciativa cumpre a súa 6ª edición.
Mañá xoves, a partir das 19:30 horas, celebrarase unha nova sesión deste ciclo, no salón Rahid do compostelán Hotel Araguaney, con entrada libre ata completar aforo. Consistirá nunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións actuais da cura termal para o tratamento de patoloxías músculo-esqueléticas e reumáticas. Estará moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Os expertos participantes manterán un coloquio posterior co público e proxectarase ademais o documental “A balneoterapia na patoloxía músculo-esquelética”. Os asistentes ao encontro recibirán un exemplar do libro “Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia”, editado pola Cátedra de Hidroloxía.
Dr. Jesús Pino: “O exercicio terapéutico en augas termais é un método seguro e eficaz para mellorar a pacientes con dor lumbar crónica”
O doutor Jesús Pino Mínguez é profesor da Universidade de Santiago e especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Afondará nos beneficios terapéuticos da cura termal para facer fronte ás doenzas musculoesqueléticas.
O especialista pon de relevo que a patoloxía musculoesquelética está a ter moita prevalencia na actualidade. Segundo os seus datos, estímase que entre o 70 e o 85% da poboación activa tivo un episodio de dor lumbar que restrinxiu a súa actividade física, afectando á súa actividade laboral e á súa calidade de vida. Tal como salienta, “a dor vertebral é a segunda causa de consulta médica despois da gripe, sendo a primeira causa de absentismo laboral”. Indica que “xunto aos clásicos tratamentos para esta patoloxía como son os fármacos, a cirurxía ou a rehabilitación, a balneoterapia está a ser de grande utilidade como tratamento coadxuvante, destacando así mesmo a ausencia de efectos secundarios”.
“A eficacia da balneoterapia na patoloxía muscoloesquelética está a ser avalada na actualidade por unha importante cantidade de ensaios clínicos e publicacións científicas, de xeito que entre a comunidade científica existe un amplo consenso respecto á efectividade das augas mineromedicinais nesta especialidade médica” -declara o doutor Pino-. Sinala que, no caso particular da lumbalxia, “as augas termais favorecen o equilibrio do paciente. Ademais, a mellora que aporta a flotabilidade e a temperatura das augas, favorece unha melloría na carga hidrostática que soportan os discos intervertebrais. E, polo seu efecto relaxante sobre a musculatura paravertebral, a balneoterapia achega efectos terapéuticos beneficiosos sobre este cadro doloroso”. Nesta liña, o experto manifesta que “o exercicio terapéutico en augas termais pode ser un método seguro e eficaz para mellorar a pacientes con dor lumbar crónica”.
Dr. Jesús Figueroa: “A balneoterapia mellora a funcionalidade e a calidade de vida dos pacientes con procesos dolorosos do aparato locomotor”
O doutor Jesús Figueroa Rodríguez é profesor da Universidade de Santiago e xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS. Na súa intervención centrarase nas patoloxías reumáticas. En relación a estas doenzas, salienta que “non cabe dúbida de que a balneoterapia constitúe un tratamento coadxuvante ideal para a abordaxe de moitos procesos dolorosos do aparato locomotor, en particular nos procesos dexenerativos articulares como artroses de xeonllo, cadeira, lumbar…; reumatismos inflamatorios crónicos ou de partes brandas como a fibromialxia”.
O especialista indica que “tense demostrado que nestas patoloxías a balneoterapia mellora aspectos como a percepción da dor, a rixidez articular, o ton muscular e, en definitiva, a funcionalidade e a calidade de vida dos pacientes».
Segundo o doutor, “no caso particular das persoas que padecen osteoartrite de xeonllo, que é a doenza dexenerativa máis común dos xeonllos, tense comprobado que o tratamento combinado de terapia termal con fármacos e exercicios de rehabilitación ofrece resultados moi favorables e sen efectos secundarios. Ademais, a aplicación de peloides ou barros termais axuda a diminuír a dor, reducindo o consumo de medicamentos específicos”.
Written by: Líder Redacción
chus compostela dor lumbar galicia gripe radio lider santiago sanidade santiago saude
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)