Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 mayo, 2026
O CITMAga -Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia-, impulsado polas tres universidades galegas, e con sede no Campus Vida da Universidade de Santiago, está especialmente centrado na transferencia de coñecemento á industria. Nesta liña, o vindeiro 22 de maio reunirá a investigadores matemáticos e a representantes de empresas nacionais e internacionais, que amosarán como as matemáticas están a resolver problemas actuais que afectan á industria. Será o “XV Foro de Interacción Matemática Industria (Industry Day)”, que terá lugar na facultade de Matemáticas da USC. Realizarase en colaboración coa Red Española Matemática-Industria (math-in) e co apoio da Agencia Estatal de Investigación -Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-.
Entre as empresas participantes neste encontro está a compostelá Mestrelab Research, cuxa actividade se enfoca a automatizar o proceso de análise nos laboratorios. Dedícase en particular ao desenvolvemento de software científico para os sectores farmacéutico e industrial; que permite procesar, analizar e xestionar datos de laboratorio, facilitando a investigación e o deseño de novos fármacos. Os seus produtos son utilizados por farmacéuticas líderes (como Pfizer, Moderna ou Bayer), universidades e centros de investigación de máis de 70 países dos cinco continentes.
A compañía nace hai vinte anos como unha spin-off da Universidade de Santiago, impulsada polo seu actual director científico, o químico Carlos Cobas; xunto co seu CEO, Santiago Domínguez; e o profesor Javier Sardina. Foi no marco da tese de doutoramento de Cobas cando detectaron unha debilidade no mercado: cando se realizaba un experimento de resonancia magnética nuclear, os datos só se podían procesar no propio equipo, o que o levou a desenvolver un software que permitise acceder e tratar os datos desde calquera punto. Co paso dos anos, foron engadindo novas técnicas analíticas, de xeito que na actualidade abranguen a práctica totalidade das técnicas que se empregan nos laboratorios.
Hai tres anos creouse o Centro de Investigación Mestrelab (CIM), subvencionado pola Axencia Galega de Innovación e cuxa operación foi financiada pola Xunta de Galicia, no que incorporaron un laboratorio que lles permite desenvolver as aplicacións desde a parte experimental. O equipo da empresa está integrado por investigadores -na súa maioría doutores químicos-, programadores e expertos no control de calidade de produtos.
A utilidade das matemáticas
Tal como explica a directora do laboratorio da compañía, a doutora Karen Vilela, “cando estamos a traballar en novas aplicacións analíticas, un dos puntos clave é botar man das matemáticas para solventar as limitacións que ten o equipamento científico. Mediante o desenvolvemento de algoritmos, podemos interpretar mellor os datos experimentais e así optimizar os procesos.” Nesta liña, Mestrelab emprega distintas ferramentas matemáticas que axudan a extraer información útil a partir de datos complexos. Ademais, a empresa está a incorporar de maneira crecente algoritmos de intelixencia artificial, que van desde técnicas de aprendizaxe automática ata redes neuronais profundas, que permiten automatizar tarefas e analizar grandes volumes de datos.
A experta salienta que manteñen colaboracións habituais cos matemáticos do CITMAga, en particular cando están centrados en proxectos que teñen unha importante compoñente estatística. “Por exemplo, para nós é fundamental coñecer o número de experimentos que temos que realizar para que as nosas solucións analíticas sexan fiables, de aí a relevancia de contar cos investigadores matemáticos” -manifesta-.
Mestrelab forma parte de SciY, a división de software de Bruker, unha multinacional de equipamento analítico cuxo propósito é contribuír á automatización completa dos laboratorios, substituíndo as operacións rutinarias por robots e optimizando a xestión dos datos. Neste marco, o equipo de Mestrelab encárgase da automatización dos fluxos de traballo e do procesamento de datos científicos para axilizar a toma de decisións nos laboratorios industriais.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)