Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 mayo, 2026
Falamos coa primeira tenente de alcalde de Vila de Cruces sobre a XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e que converterá esta fin de semana o municipio nun dos grandes referentes da gastronomía tradicional galega
Vila de Cruces prepárase para vivir esta fin de semana a XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral, unha cita xa consolidada no calendario festivo galego e declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Durante dous días, o municipio converterase nun gran escaparate da gastronomía, da música e das tradicións locais cun amplo programa de actividades pensado para todos os públicos.
A primeira tenente de alcalde do Concello, Mireya Otero, explicou en Radio Líder Santiago que a programación arrancará xa este sábado cunha cata maridaxe dirixida polo sumiller Nacho Costoya, na que se degustarán distintas elaboracións de galo de curral acompañadas de viños da D.O. Rías Baixas da subzona da Ribeira do Ulla, entre eles os de Adegas CastroBrey. A xornada completarase co Festival de Bandas de Música de Galicia e coa actuación da orquestra Panamá.
Xa o domingo celebrarase a xornada grande da festa coa exposición de exemplares vivos, na que participarán vinte criadores e arredor de cincuenta animais, ademais da venda de exemplares sacrificados e da degustación de tapas de galo de curral elaboradas polo cociñeiro Antonio Mouriscade. Como novidade desta edición, ampliaranse ata as 500 racións dispoñibles.
A programación incluirá tamén pasarrúas, unha exhibición de coches clásicos, a actuación do grupo local Xuntounos Ela, o pregón da actriz e presentadora galega María Mera e o concerto acústico de Bertín Osborne, antes do peche da celebración coa orquestra Capitol.
Durante a entrevista, Mireya Otero puxo en valor a importancia histórica, cultural, gastronómica e turística dunha celebración que supera xa as tres décadas de historia. “Historicamente axudou a conservar unha tradición moi ligada á vida rural e á crianza do galo”, explicou. Ademais, destacou que a festa “mantén vivas moitas tradicións galegas” e contribúe a reforzar o sentimento de unión entre a veciñanza.
A primeira tenente de alcalde incidiu tamén no importante impacto económico e social que supón esta cita para o municipio. “Moitísimas persoas de diferentes lugares veñen aquí, o que beneficia tanto aos negocios locais como á hostalaría e ao comercio”, asegurou, subliñando ademais a visibilidade que a festa lle dá a Vila de Cruces e ao propio Galo de Curral como produto representativo da zona.
Otero destacou igualmente a implicación da veciñanza arredor desta celebración.“É unha celebración moi nosa e iso nótase moito no ambiente que se crea estes días”, afirmou, sinalando que a participación de asociacións e veciños é unha das claves do éxito da festa.
De cara á asistencia desta edición, desde o Concello agardan unha importante afluencia de visitantes tanto da comarca como doutros puntos de Galicia. “É unha festa moi coñecida e cada ano desperta moito interese polo ambiente, pola tradición e, sobre todo, pola gastronomía”, destacou.
Para rematar, Mireya Otero animou á veciñanza e aos visitantes a achegarse esta fin de semana ata Vila de Cruces para vivir esta celebración.
Escrito por Líder Redacción
Concello de Vila de Cruces FEsta de Interes Turístico Galego festa do galo de curral galo de curral Mireya Otero Vila de Cruces vila de cruces



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)