Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O BNG de Ordes instou ao goberno municipal a reforzar as tarefas de roza e mantemento da rede viaria do concello, ao considerar que os traballos que se realizan na actualidade resultan insuficientes para atender as necesidades existentes nas distintas parroquias.
Os nacionalistas sinalan que recentemente se levaron a cabo diversas rozas en estradas de titularidade doutras administracións públicas que atravesan o municipio, mentres que, segundo denuncian, o executivo local continúa aplicando unha planificación que consiste en realizar as rozas das pistas municipais poucas semanas antes da celebración das festas de cada parroquia.
Desde a formación consideran que esta práctica non responde ás necesidades reais de mantemento das vías. O portavoz do BNG de Ordes, Pablo Vidal, afirmou que o feito de contar con numerosos quilómetros de vías públicas é unha realidade común a todos os concellos e que a resposta a esa situación debe reflectirse na planificación económica municipal.
Neste sentido, Vidal subliñou que son os orzamentos municipais os que determinan as prioridades de gasto de cada goberno local, incluídas as partidas destinadas ás rozas e ao mantemento das infraestruturas públicas.
O portavoz nacionalista tamén criticou a situación orzamentaria do Concello, acusando ao alcalde de encabezar un goberno con maioría absoluta que, segundo indicou, chegou á metade do ano sen aprobar os orzamentos municipais. Para o BNG, esta circunstancia evidencia unha falta de planificación que repercute directamente na prestación de servizos básicos.
Por todo iso, a formación demanda ao rexedor a posta en marcha dun reforzo específico das tarefas de roza que se realizan ao longo do ano.
Segundo Vidal, numerosos veciños e veciñas teñen constatado que os traballos actuais non son suficientes para manter en condicións adecuadas as pistas e marxes viarias do municipio, especialmente durante os meses de maior crecemento da vexetación.
O BNG considera que unha mellor organización dos recursos e unha maior dotación para estes labores permitirían ofrecer unha resposta máis eficaz ás necesidades de mantemento que presentan as diferentes parroquias de Ordes.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)