AD

Actualidad

O BNG insta aos concellos de Val do Ulla a controlar o cambio a viñedos intensivos

today20 diciembre, 2023

Background
share close
AD
  • Os grupos municipais do BNG de Touro, Boqueixón, Vedra, Teo e Padrón presentaron iniciativas en cada un dos concellos afectados
  • Trasladan a preocupación da veciñanza e alertan sobre os graves efectos negativos da transformación no uso das terras

Santiago, 20 de decembro de 2023.- Os grupos municipais do BNG de Touro, Boqueixón, Vedra, Teo e Padrón demandan aos seus concellos medidas para controlar os efectos negativos que ten a crecente transformación de terreos en cultivos intensivos de viñedos. As agrupacións do BNG trasladan aos gobernos municipais a preocupación que manifesta a veciñanza polos gravísimos problemas medioambientais, económicos e sanitarios que derivan deste proceso crecente nas terras do Val do Ulla.

Os grupos municipais do BNG do Val do Ulla fanse eco da preocupación da veciñanza, agrupada nunha plataforma, pola crecente transformación de grandes extensións de terreos en cultivos intensivos de viñedos. Alertan así dos efectos negativos que, a curto e longo prazo, ten esta modificación do uso dos terreos que está a provocar, xa no inicio, a tala de grandes masas de bosque autóctono, mesmo de bosque de ribeira, eliminando así o papel ecolóxico que cumpren, conlevando tamén o arrastre de terra cara os cauces fluviais polas augas de enxurrada.

Ademais, denuncian que, o uso de grandes extensións de terreo para viñedos significa «a eliminación de terras agrarias, reducindo a súa dispoñibilidade para as explotación agrogandeiras co consecuente incremento do seu prezo, así como o aumento do consumo de auga para o regadío destes cultivos«, coas implicacións económicas e de emprego que supón para os concellos.

Xunto a estes efectos derivados da transformación progresiva dos terreos, o BNG denuncia tamén que este cultivo intensivo en grandes extensións tamén vai supor o uso de enormes cantidades de fitosanitarios para o seu tratamento, en especial pola propia climatoloxía da zona. Alertan do perigo para a saúde de persoas e animais xa que produtos usados espallaranse polo aire atinxindo outros cultivos –incluíndo cultivos ecolóxicos-,  acumulándose tamén nas augas e no solo.

«En definitiva, estamos ante un modelo de monocultivo do que se van a beneficiar exclusivamente as grandes bodegas e que está moi lonxe do modelo agrario presente na zona, que combina viñedos con bosque e con pastos e terreos para forraxe, moito máis sostíbel, menos contaminante, xerador de riqueza na zona e fixador de poboación«, defenden as agrupacións do BNG da zona.

Apoio á veciñanza

O problema máis acuciante na actualidade concéntrase nos concellos de Vedra e Boqueixón pero o proceso está en marcha e, moi probablemente, afectará da mesma maneira ao concello de Teo e a distintas parroquias de Touro e Padrón, incluídas tamén na D.O. Rias Baixas, por citar só os concellos integrados na que o BNG denomina comarca de Santiago.

Por todo isto, os grupos municipais do BNG nos concellos de Boqueixón, Vedra, Teo, Touro e Padrón, presentaron iniciativas en cada un deles solicitando que desde os gobernos municipais se apoie a veciñanza nas súas demandas co fin de que as novas plantacións se fagan de maneira ordenada e respectando os seus medios e modos de vida, así como a calidade da súa vida.

Así mesmo, e á vista das dúbidas suscitadas sobre o cumprimento dos condicionantes ou medidas correctoras impostas a procesos autorizados, solicítase que os concellos, que son, ou deben ser,  coñecedores de tales medidas, «fagan seguimento de que se cumpran, porque responden á necesidade de preservar o medio ambiente do que o conxunto da cidadanía é beneficiaria«.

No que fai a futuros proxectos, demándase que calquera informe que se solicite ao goberno municipal para cambio de uso de solo forestal a agrario para plantación de viñedos de forma intensiva no concello sexa emitido logo dun estudo rigoroso e que teña en conta os cambios xa autorizados e os previsíbeis. O estudo incluirá os efectos que se poidan derivar de dito cambio (ambiental, económico, sinérxico…), e garantirá que se respecten as masas de bosques autóctonos, a protección das contornas dos núcleos rurais e vivendas e das explotacións agrarias ecolóxicas ou sostíbeis, as brañas, humedais e zonas de ribeira dos cursos fluviais, así como a aceptación social de dito proxecto.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%