AD

Actualidad

O Concello de O Pino pídelle ao de Santiago que deixe operar aos taxistas do Pino no aeroporto

today26 junio, 2024

Fondo
share close
AD
  • O Pleno da Corporación aprobou hoxe por unanimidade unha declaración institucional en apoio ao sector local do taxi
  • Prorrogado o contrato de recollida do lixo por un ano á empresa Servicios, Obras y Limpiezas por algo máis de 149.000 euros
  • Aprobadas as ordenanzas reguladoras de prestación de alimentos e de axudas por emerxencia social

O Pino. 26-6-2024.- A Corporación do Pino aprobou esta mañá en Pleno por unanimidade unha declaración institucional en apoio ao sector do taxi do municipio, para que estes profesionais poidan recoller viaxeiros no aeroporto de Lavacolla – Rosalía de Castro. Para que isto sexa posible, o Concello de O Pino solicítalle ao de Santiago que autorice que os catro taxistas do Pino poidan traballar tamén no aeroporto. Na sesión de hoxe tamén se acordou prorrogar por un ano o contrato de recollida do lixo e se aprobaron as ordenanzas reguladoras de prestación de alimentos e de axudas por emerxencia social, entre outros asuntos.

O alcalde do Pino, Manuel Taboada, propúxolle ao Pleno da Corporación aprobar unha declaración institucional de apoio aos taxistas do municipio, para que poidan traballar no aeroporto de Lavacolla. Nestas momentos, tan só os profesionais de Santiago poden recoller no aeroporto aos viaxeiros que chegan en avión ao aeroporto Rosalía de Castro. Manuel Taboada lembrou que Concello de Santiago é quen ten a competencia para permitir que taxistas doutros municipios poidan recoller pasaxeiros en Lavacolla, un aeroporto polo que en 2023 pasaron máis de tres millóns de persoas.

Na declaración, asinada polos portavoces dos tres grupos políticos municipais, sinálase que parte das pistas do aeroporto están situadas nos municipios do Pino e de Boqueixón e houbo épocas nas que, ademais dos de Compostela, se permitía a taxistas doutros municipios traballar en Lavacolla. Taboada recalcou que se o Concello de Santiago, “que é o que ten as competencias nesta materia, autoriza os taxistas do Pino traballar no aeroporto, a Xunta non porá ningún impedimento”. Ademais, a declaración institucional insta á Dirección Xeral de Mobilidade para que, unha vez que o Concello de Santiago autorice, tramite a autorización administrativa.

A declaración institucional foi aprobada polos tres grupos políticos da Corporación e os taxistas do Pino asistiron ao Pleno como público. Ademais, o BNG decidiu retirar unha moción que presentara sobre este mesmo tema.

Na sesión de hoxe tamén se acordou por unanimidade prorrogar un ano máis o contrato de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria do concello do Pino á empresa Servicios, Obras y Limpiezas SA, que leva realizando este traballo dende o ano 2021, cando se lle adxudicou o servizo. Esta prórroga vai representar para o Concello un desembolso lixeiramente superior aos 149.000 euros, xa que aos 133.667 euros anuais recollidos na adxudicación deste servizo, o contrato ampliouse recentemente para incluír a recollida e transporte dos residuos orgánicos (con 120 contedores marróns e a limpeza dos mesmos) cun importe de 15.530 euros.

Tamén por unanimidade aprobouse inicialmente a ordenanza reguladora da prestación de alimentos do Concello. A finalidade da mesma é regular o procedemento de concesión dos alimentos de cara a garantir que se beneficien desta prestación as persoas que se atopen nunha situación de precariedade económica, con dificultades para a cobertura da necesidade básica de alimentación.

O Pleno ratificou tamén a ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social do Concello. Estas axudas están destinadas a paliar ou resolver, por si mesmas ou de xeito complementario con outros recursos ou prestacións, situacións de urxente necesidade, xeradas por emerxencia individual ou familiar derivada de gastos específicos relativos a necesidades básicas.

POS e modificación do PXOM

Cos votos a favor do equipo de goberno popular, do PSdeG e do BNG aprobouse a segunda fase do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal adicional (a segunda fase do POS+ adicional). O Pino vai destinar os 62.746 euros de orzamento para sufragar gastos correntes diferentes aos solicitados na primeira fase do POS+.

A Corporación tamén ratificou a cuarta addenda ao convenio de colaboración con Augas de Galicia para a construción da depuradora de Arca, debido a modificacións do proxecto necesarias para a execución das mesmas. O importe total das obras ascende a 2.225.366 euros, dos que a maior parte (1.247.707 €) corresponden ao presente exercicio e outros 187.603,24 están contemplados para 2025, coincidindo coa certificación final de obra. A depuradora está previsto que comece a funcionar este mesmo ano, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente na visita que fixo ás obras o pasado mes de maio.

Tamén por unanimidade, o Pleno aprobou propoñer unha modificación do PXOM para cualificar dúas parcelas na parroquia de Arca como solo urbano consolidado, dando así cumprimento ás sentencias do TSXG, que estimou os recursos presentados polos propietarios das mesmas.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%