Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 octubre, 2026
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026 (Vía Láctea Comunicación).- O Concello de Santiago destinará este ano 150.000 euros á consolidación do polo de biotecnoloxía do parque empresarial da Sionlla e á captación de novas empresas para o centro. Así se recolle no convenio que a Concellaría de Promoción Económica vén de asinar coa Asociación Área Empresarial do Tambre, que triplica a achega municipal con respecto a anos anteriores. Do acordo deron conta esta mañá a tenenta de alcaldesa, María Rozas, e o presidente da entidade, José Fernández Alborés.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude explicou que o obxectivo do Concello “é reforzar o Biopolo da Sionlla e reivindicar o seu potencial económico e a súa capacidade para atraer investimentos e proxectos innovadores para Santiago”. Para María Rozas, “é necesario apostar por este equipamento clave para Santiago, cando están a piques de cumprirse dez anos da sinatura do convenio que lle deu orixe”. Referíase así ao acordo para a reindustrialización de Santiago, suscrito a principios de 2017 polo Concello, a Xunta, a Universidade, a Cámara de Comercio e a Asociación Empresarial do Tambre, do que xurdiu o proxecto do Biopolo da Sionlla que abriu as súas portas no ano 2023. A tenenta de alcaldesa salientou que “o compromiso do Concello de Santiago con este proxecto é firme” e apostou por “complementar e reforzar o enorme traballo que vén facendo no centro a Asociación Empresarial do Tambre, facilitando recursos para avanzar na captación de empresas e, polo tanto, de talento para o Biopolo”.
Pola súa banda, o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre manifestou a satisfacción da entidade co compromiso do Concello, especialmente da Concellería de Promoción Económica, co Biopolo Sionlla, avalado pola sinatura deste convenio que está en marcha desde 2020. En concreto, Alborés destacou que con esta renovación incrementouse a partida notoriamente. “Agardamos que esta colaboración para a captación de empresas e proxectos para o Biopolo e o compromiso do Concello se manteñan no vindeiro exercicio”, indicou o presidente da Asociación.
Convenio
O Concello de Santiago, a través da Concellería de Promoción Económica, destina 150.000 euros ao convenio asinado coa Asociación Empresarial do Tambre, fronte aos 50.000 euros de anos anteriores. O acordo permite desenvolver as accións da secretaría técnica do acordo da Sionlla a través da contratación dunha consultoría especializada que favorecerá o desenvolvemento do Biopolo e reforzará o traballo para captar novos proxectos e oportunidades de financiamento, incrementar o coñecemento da infraestrutura a nivel estatal e internacional, e impulsar unha maior conexión co ecosistema científico-tecnolóxico e empresarial. Ademais, o acordo dálle soporte á colaboración do Concello na realización da vixilancia na área empresarial do Tambre, Boisaca, Costa Vella e Sionlla.
Visita ás instalacións do Biopolo
Trala presentación do convenio de colaboración, a tenenta de alcaldesa realizou unha visita ás instalacións do Biopolo da Sionlla acompañada polo presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés. María Rozas puido coñecer o traballo que desenvolven no equipamento empresas como Zinpro, I-grape, Bioga ou Neutron Insights. Fernández Alborés explicou que está prevista a instalación de dúas novas empresas no Biopolo nos primeiros meses de 2027, unha delas do sector da biofarmacia e a outra especializada en tratamentos oncolóxicos.
O Biopolo da Sionlla pon a disposición das empresas servizos como laboratorios especializados, espazos para eventos e coworking, salas de reunións, un sistema avanzado de conectividade de voz e datos ou unha área de recollida e descarga de mercadorías e residuos.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)