Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 octubre, 2026
O goberno local activa tamén unha brigada de reparación de firme para actuar nas pistas e camiños que non serán renovados con aglomerado en quente
A Estrada, 27 de outubro de 2026. O Concello da Estrada iniciou na parroquia de Couso as obras do novo plan municipal de asfaltados, que mobilizará máis de 3 millóns de euros para mellorar a rede viaria do rural. Trátase do maior investimento acometido ata o momento nunha única fase de pavimentación, que permitirá executar un total de 116 actuacións en pistas e camiños municipais de diferentes parroquias.
Os primeiros traballos céntranse na mellora dos accesos aos núcleos de Fontenlo e Couso, onde este luns comezaron os labores de limpeza das cunetas. Está previsto que este mércores arranque a aplicación do aglomerado en quente, dando continuidade a unhas intervencións que se estenderán a outras parroquias durante as próximas semanas.
O novo programa de asfaltados, financiado a través de diferentes liñas de colaboración con distintas administracións, busca mellorar as condicións de circulación, reforzar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos da veciñanza nos núcleos rurais do municipio.
As actuacións previstas abranguen numerosos puntos da xeografía estradense, con intervencións en parroquias como Arnois, Oca, Loimil, Couso, San Miguel de Barcala, San Xurxo de Vea, Santeles, Paradela, Ribeira, Berres, Riobó, Orazo, Santo André de Vea, Tabeirós, Codeseda, Guimarei, Rubín ou Callobre, entre outras.
Este novo impulso á mellora das infraestruturas viarias permitirá elevar a máis de 5 millóns de euros o investimento destinado aos asfaltados municipais durante os anos 2025 e 2026. En conxunto, as actuacións desenvolvidas neste período chegarán ás 51 parroquias da Estrada, co obxectivo de avanzar na conservación e modernización da extensa rede de comunicacións locais.
De forma paralela á execución dos novos asfaltados, o Concello puxo en marcha unha brigada específica de reparación de firme que percorrerá as vías municipais nas que non está prevista a renovación completa da pavimentación nesta fase.
Os traballos comezaron na zona sur do municipio, con intervencións nas parroquias de Arca, Vinseiro, Olives e Pardemarín, e continúan actualmente en Ribela. A previsión municipal é estender progresivamente estas tarefas de mantemento ao resto do territorio.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, explicou que a intención do goberno local é actuar tanto nas pistas incluídas nos programas de aglomerado en quente como naquelas que precisan reparacións puntuais para mellorar as súas condicións de uso.
“Queremos percorrer todas as parroquias, todas as pistas que non vaian levar agora o aglomerado en quente. A intención é que, cos asfaltados e os bacheos, poidamos ter unha rede viaria municipal en mellor estado, nun municipio que ten a particularidade de que esa rede local supera os 2.000 quilómetros”, sinalou o rexedor.
Con esta dobre liña de actuación, o Concello da Estrada pretende avanzar na mellora integral da súa rede viaria, atendendo tanto ás necesidades de renovación das estradas como ao mantemento dos camiños e pistas municipais, especialmente relevantes para a mobilidade e a actividade diaria das parroquias rurais.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)