Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 junio, 2026
• A primeira edición do torneo de fútbol 8 permitiu recadar fondos para a Fundación Andrea, no transcurso dunha xornada marcada pola convivencia, o deporte e a solidariedade.
• O día completouse cun partido amigable entre un equipo de xornalistas e outro de políticos, un encontro que puxo máis color ao torneo nun ambiente distendido e de compañeirismo.
As instalacións deportivas de Santa Isabel acolleron este sábado o I Memorial Solidario “Jesús Pampín”, unha cita que reuniu a seis equipos de fútbol 8, nunha xornada na que o deporte e a solidariedade foron os grandes protagonistas. O torneo, organizado polo Partido Popular de Santiago, en beneficio da Fundación Andrea, naceu coa vontade de converterse, ademais, nun referente solidario na cidade e de render homenaxe á figura de Jesús Pampín, moi vinculado ao deporte e á vida pública compostelá.
O saque de honra correu a cargo do atleta olímpico, Iván Raña, un dos deportistas galegos máis importantes da historia e un referente do triatlón en España, que quixo sumarse a esta iniciativa solidaria, achegando o seu apoio á causa e contribuíndo a dar maior visibilidade ao labor da Fundación Andrea.
O líder do PP de Santiago, Borja Verea, destacou a excelente resposta dos participantes e agradeceu a implicación de todas as persoas, equipos, colaboradores e patrocinadores que fixeron posible a celebración desta primeira edición. Ademais, puxo en valor o papel do deporte como ferramenta para educar en valores, fomentar a convivencia e apoiar causas solidarias.
“O mellor resultado desta xornada é comprobar que Santiago sabe responder cando se trata de axudar aos demais”, explicou Verea, quen lembrou tamén que a totalidade dos fondos recadados destinaranse á Fundación Andrea, co fin de apoiar o seu labor de acompañamento a nenas e nenos con enfermidades crónicas ou de longa duración e ás súas familias.
Pola súa banda, a presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, agradeceu a organización do torneo e a xenerosidade de todas as persoas que participaron nesta iniciativa solidaria.
Barca destacou que “a recadación contribuirá a reforzar o traballo que desenvolve a entidade na humanización dos espazos pediátricos, nas súas casas de acollida en Santiago e no financiamento de terapias como fisioterapia, logopedia e atención psicolóxica para os menores”.
Así mesmo, Almudena Pampín, como representante da familia, quixo agradecer a todas as persoas que fixeron posible este bonito evento, que leva o nome do seu pai, e desexou que esta cita poda repetirse en vindeiros anos.
A xornada completouse cun partido amigable entre un equipo de xornalistas e outro de políticos, un encontro que puxo a nota de color ao torneo nun ambiente distendido e de compañeirismo. O choque, marcado polo bo humor e o espírito deportivo, contribuíu a reforzar o carácter solidario da iniciativa e converteuse nun dos momentos máis destacados da xornada.
O acto concluíu coa entrega dos trofeos aos equipos e xogadores máis destacados do torneo. O premio ao mellor xogador foi para José M. Bonome, mentres que Natalia Palmou recibiu o galardón á mellor xogadora. O “Barceló FC” foi distinguido co Trofeo ao Equipo Máis Deportivo e gañador da memorial. O resto da clasificación pechouse co “Aston Birras” gañador do terceiro posto e o segundo clasificado foi o equipo “Rías Baixas CF”.
Ademais, lembramos que a fila cero permanecerá aberta durante toda a próxima semana, para que todas aquelas persoas que o desexen poidan colaborar coa Fundación Andrea a través do Bizum de Donativos 00908.
O I Memorial Solidario “Jesús Pampín” pechou así a súa primeira edición cun balance moi positivo, combinando deporte, convivencia e solidariedade nunha xornada que nace coa vocación de consolidarse como unha cita anual de referencia en Santiago.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)