Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 noviembre, 2023
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, pediu hoxe ao Goberno do BNG que restableza o servizo de coordinación e funcionamento da Casa das Mulleres Xohana Torres en Compostela, servizo cuxo contrato finalizou hai máis dun ano, quedando practicamente sen xestión un espazo imprescindible na cidade.
En palabras de Borja Rubio, "desde hai máis dun ano, a Casa Xohana Torres non conta cun servizo de coordinación e funcionamento que garanta que esta institución poida levar a cabo as súas actividades de xeito efectivo, ademais de cumprir coa súa misión de empoderar ás mulleres, contribuíndo a eliminar as desigualdades de xénero no municipio, así como promover o asociacionismo, nun claro apoio a estes movementos”.
Como destaca o edil popular, mentres estivo en funcionamento, este servizo axudou a ter unha programación estable no local, o que facilitaba que se cumprisen os obxectivos para os que foi posta en marcha..
Rubio remarcou que “estamos ante unha situación reiterada con outros proxectos na nosa cidade e agora, podemos ver, unha vez máis, como unha instalación municipal que funcionou, está sumida no esquecemento, é dicir, moi lonxe de potenciar o seu uso, o Goberno nacionalista a condena ao olvido”.
A Casa Xohana Torres é un piar fundamental para crear cidade, para dar voz a quen o precisa, dotando de accións formativas ou instalacións a colectivos de Compostela, polo que “entendemos que é moi importante a súa posta en marcha, co fin de promover unha igualdade de xénero e crear unha cidade inclusiva", salientou Rubio.
Así o edil popular requeriu ao Goberno do BNG que “inicie o proceso para a licitación do servizo de coordinación da Casa Xohana Torres, adquirindo un compromiso coa igualdade de xénero e a súa determinación, para contribuír a que Compostela sexa máis igualitaria e libre de violencia de xénero”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)