AD

Comarca

Chus Campos desvela a programación do verán en Padrón: «Mondra actuará no Santiaguiño»

today27 mayo, 2026

Fondo
share close
AD
  • A concelleira Chus Campos reivindica o éxito da Pascua, adianta novidades do Santiaguiño como a actuación de Mondra e da Feira Medieval cun elevado número de postos, e destaca o crecemento turístico de Padrón: “Xa pasaron máis de 12.700 persoas pola oficina de turismo no que vai de ano”

Padrón encara os próximos meses cun calendario cargado de actividade cultural, turística e festiva. Así o confirmou a concelleira de Festas e Turismo, Chus Campos, durante unha ampla entrevista na que repasou o balance das recentes Festas da Pascua, os grandes eventos do verán e os retos turísticos do municipio.

Campos mostrouse especialmente satisfeita co resultado das últimas Festas da Pascua, que cualificou sen dubidar como “un éxito”. A responsable municipal destacou non só a resposta da veciñanza, senón tamén a importante chegada de visitantes.

“Facía moitos anos que non se percibía unha afluencia de público e de visitantes igual”, asegurou.

A concelleira lembrou que o Domingo de Pascua foi “un día apoteósico de mañá ata noite”, favorecido tamén polo bo tempo, un factor que considerou “decisivo” para o éxito das celebracións.

Padrón levará a súa identidade á Semana Verde

A actividade institucional e promocional continuará de inmediato coa presenza de Padrón na Semana Verde Internacional de Silleda, onde o Concello contará cun stand propio entre o 4 e o 7 de xuño.

Campos explicou que o obxectivo é “dar a imaxe do que é unha capital da cultura, do deporte e gastronómica”, apostando especialmente pola promoción dos produtos locais e da identidade padronesa.

Aínda que os famosos pementos non se prepararán fritidos no recinto feiral “porque é un pouco complicado”, si haberá degustacións doutros derivados gastronómicos vinculados ao produto estrela da vila.

A Feira Medieval reforza a irmandade con Arjonilla

Outro dos grandes eventos do inicio do verán será a Feira Medieval, que volverá converter o casco histórico nun auténtico escenario de época. A edición deste ano contará cunha destacada presenza institucional e veciñal procedente de Arjonilla, localidade andaluza irmandada con Padrón a través da figura do trobador Macías.

“Veñen setenta persoas, polo menos”, revelou Campos sobre a expedición andaluza.

A feira contará con máis de setenta postos e desenvolverase polas rúas e prazas máis emblemáticas do centro histórico, con actividades complementarias como a tradicional exposición de coches clásicos no Paseo do Espolón.

Mondra será o gran nome do Santiaguiño

A programación do Santiaguiño será outro dos pratos fortes do calendario festivo padronés. A concelleira confirmou durante a entrevista que o artista galego Mondra actuará o 24 de xullo como principal cabeza de cartel. “Vai ser unha actuación potente”, avanzou.

O concerto celebrarase no Campo dos Autos debido ás necesidades técnicas e á previsión dunha importante asistencia de público.

Campos reivindicou tamén a esencia tradicional do Santiaguiño, que seguirá mantendo a romaría popular, a subida polas escaleiras do monte, as celebracións relixiosas e a comida campestre gratuíta. “A tradición tense que manter”, afirmou.

Padrón, destino turístico en crecemento

No apartado turístico, a responsable municipal destacou os bos datos rexistrados nos primeiros cinco meses do ano. Segundo explicou, máis de 12.700 persoas pasaron xa pola oficina de turismo, entre peregrinos e visitantes.

“A cantidade é moito maior, porque hai moita xente que non pasa pola oficina de turismo”, matizou.

Os datos amosan ademais o crecente carácter internacional do destino padronés: o 71% dos visitantes proceden de Europa, o 15% de América, o 11% de Asia e o 3% de Oceanía.

Campos subliñou especialmente o peso do Camiño Portugués e a importancia do aeroporto do Porto como porta de entrada para milleiros de peregrinos internacionais. “Xa se nota moito que o Camiño teña vida”, sinalou.

A concelleira tamén puxo en valor a oferta hostaleira local, tanto en hoteis como en albergues e casas rurais, asegurando que actualmente existe capacidade suficiente para atender a demanda turística.

Condena firme á agresión sufrida por unha concelleira

A entrevista abordou igualmente un dos episodios máis delicados das últimas semanas: a agresión sufrida pola concelleira Mariló Campos durante unha comida de maiores.

Chus Campos explicou que a edil estaba atendendo unha persoa indisposta cando se produciu o incidente. “Estas condutas violentas non se poden permitir”, manifestou con contundencia.

Segundo relatou, a agresión foi física e obrigou á concelleira a recibir asistencia médica e presentar denuncia. “Non imos consentir ningún tipo de violencia, nin física nin doutro tipo”, advertiu.

Campos lamentou ademais o aumento da crispación social e da violencia verbal, especialmente nas redes sociais, alertando do perigo de normalizar determinadas actitudes agresivas.

“Sería moi positivo que Anxo Arca volvese ser alcalde”

Xa na recta final da entrevista, e pensando no horizonte político das próximas eleccións municipais, Chus Campos mostrou a súa disposición a continuar formando parte do proxecto socialista en Padrón. “Gustaríame seguir para poder desenvolver proxectos que precisan máis tempo”, asegurou.

A concelleira tivo tamén palabras de eloxio para o alcalde, Anxo Arca, do que destacou especialmente a súa capacidade de comunicación e innovación. “É un dos alcaldes que mellor comunica e que mellor relato ten”, afirmou.

Campos considera que nos últimos anos Padrón experimentou unha importante transformación. “Moita xente que tarda en vir dinos sempre: ‘é unha pasada como está o pobo, non parece o mesmo Padrón’”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *