Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 octubre, 2026
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026. A deputada socialista no Parlamento de Galicia Patricia Iglesias anunciou que o PSdeG levará á Cámara galega a parálise da ampliación do polígono da Sionlla para esixir á Xunta que axilice os trámites e permita que Santiago dispoña de solo industrial para atraer novas empresas e diversificar a súa actividade económica.
Iglesias subliñou que para as e os socialistas “é fundamental o solo industrial” para que Compostela poida ampliar a súa base económica máis alá dun sector turístico que ten un peso indiscutible na cidade. “Hai moito turismo, é certo, pero nós queremos que existan outras actividades económicas na capital de Galicia, en Compostela”, defendeu a deputada.
Neste sentido, criticou que a Xunta leve tempo anunciando a ampliación da Sionlla sen que esa promesa se traduza en resultados e advertiu de que “a día de hoxe non temos un só metro cadrado para que se poida instalar unha empresa na capital de Galicia”, unha situación que, ao seu xuízo, limita as posibilidades de crecemento, captación de investimentos e creación de emprego na cidade.
A socialista lembrou que o Goberno galego viña escudándose na existencia dun informe pendente da Dirección Xeral de Estradas do Estado para xustificar a demora, pero incidiu en que “ese informe xa se emitiu, é un informe favorable” e, pese a iso, “a Xunta non moveu un só trámite para axilizar a ampliación do polígono industrial da Sionlla”, promovida polo propio Executivo autonómico a través de Xestur.
Por iso, Iglesias avanzou que o PSdeG preguntará no Parlamento de Galicia pola situación da ampliación e reclamará ao Goberno de Rueda que actúe dunha vez. “Preguntaremos no Parlamento de Galicia que se axilice e que, dunha vez por todas, esa ampliación do polígono da Sionlla sexa unha realidade para Compostela”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)