Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 mayo, 2026
Ames, 6 de maio de 2026.- O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, presentou esta mañá, no salón de plenos da Casa do Concello, a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que parte co obxectivo de ofrecer a empresarios e usuarios amesáns unha base de datos das empresas e do comercio local. Baixo o slogan “Tes que estar!” a Administración local busca achegar o comercio local á veciñanza mediante esta plataforma dixital, que permite localizar empresas, comercios e locais de hostalería de maneira sinxela dende a rede. O aplicativo será público e accesible a través da web do Concello. Na actualidade, dáse un prazo dun mes para altas de novos establecementos e corrección de posibles erros.
O Concello de Ames, a través do departamento de Promoción Económica e Emprego, presentou esta mañá a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que busca conectar á veciñanza co comercio de proximidade e co tecido empresarial. “Tes que estar!” é a consigna utilizada para atraer tanto a empresarios como usuarios e usuarias a esta aplicación web que funcionará como unha base de datos de todas as empresas que conforman o tecido comercial e hostaleiro de Ames.
A plataforma está na fase de probas, polo que durante o próximo mes, todas as empresas da municipio (do Milladoiro, Bertamiráns e do rural) que queiran participar deberán poñerse en contacto mediante o enderezo de correo electrónico guiaempresasames@gmail.com ou no número de teléfono 626 98 71 72 en horario de 09.00 a 15.00 horas.
Actualmente, a base dispón de arredor de 1.150 empresas rexistradas. Todas aquelas que non o estean, ou que si formen parte pero queiran actualizar algún dato de relevancia, poderán comunicalo ao equipo de desenvolvemento do aplicativo durante as vindeiras semanas.
Neste acto de presentación, estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz; o técnico de Promoción Económica, Pablo Bello; e a deseñadora gráfica do proxecto, e responsable de marketing e publicidade, María Jesús Balseiro. Cada un deles, puido desenvolver o funcionamento do aplicativo e as implicacións positivas deste na economía de proximidade.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, comezou dicindo “en Ames témolo todo e queremos que todos os establecementos comerciais e hostaleiros e as empresas estean xeolocalizados nunha única aplicación. O obxectivo é que a veciñanza poida localizar aquel servizo que necesita dunha maneira áxil e sinxela. Xa realizamos un traballo de campo previo por Bertamiráns, O Milladoiro e polo rural para localizar as empresas existentes, pero agora abrimos un prazo dun mes para que as empresas poidan revisar os seus datos por se hai que modificar algún dato erróneo. Tamén solicitamos que aquelas empresas que non estean incluídas en dita aplicación, por estar situadas en pisos ou en casas particulares que non contan coa placas de identificación, se poñan en contacto con nós. Ademais, as empresas que comecen a súa actividade tamén deberán comunicalo para estar incluídas nesta aplicación”.
Ana Belén Paz engadiu que deste xeito “localizar unha empresa en Ames vai a ser moito máis fácil para a veciñanza, para as persoas que visitan Ames e mesmo para as propias empresas que precisan dalgún servizo do que elas non dispoñen, como poden ser as empresas do sector do audiovisual que poden necesitar un servizo de catering, ir a unha ferretería ou a un comercio. É moi importante que todos os establecementos estean correctamente localizados, porque na actualidade dispoñemos de 1.150 establecementos, pero seguro que hai máis que non están incluídas na aplicación. Con esta ferramenta queremos poñer en valor a todas as empresas de Ames”.
Pola súa parte, o técnico municipal de Promoción Económica, Pablo Bello, sinalou o interese polo desenvolvemento desta plataforma por parte do departamento, dende o cal levan tempo “querendo actualizar a base de datos de empresas. Era un traballo moi necesario para ter accesibilidade a calquera negocio que se queira dar de alta e estar facilmente localizable”. A maiores, Pablo Bello puxo en valor o carácter bidireccional da Guía: “Para nós é unha ferramenta moi útil, xa que nos permite achegarnos ás empresas, ofrecerlles os servizos que temos no Concello ou mesmo achegarlles candidatos para os postos de traballo que demanden”.
Como funciona a Guía de Empresas de Ames?
Este proxecto nace co obxectivo de conectar á veciñanza co comercio e hostalería local amesán e axudar a localizar os diferentes establecementos de todo o municipio. A través dun traballo de campo, a Administración local recompilou información dun gran número de empresas amesás, co fin de xeolocalizalas e ofrecer á veciñanza un servizo de accesibilidade ao comercio local.
Deste xeito, e mediante unha aplicación web de localización espacial baseada nas ferramentas ofrecidas por Google Maps, empresas e usuarios poderán beneficiarse do seu funcionamento. En primeiro lugar, e baixo o lema “Tes que estar!”, interpélase ás empresas do municipio que aínda non formen parte da base para que acheguen información relevante sobre o seu negocio durante este mes de proba.
Poderán facelo a través do enderezo de correo electrónico guiaempresasames@gmail.com, o número de teléfono 626 98 71 72, ou ben mediante as chamadas que dende o equipo de desenvolvemento da aplicación se irán realizando durante as vindeiras semanas, co obxectivo de obter a máxima información posible sobre os comercios que conforman o tecido empresarial local.
Por outra banda, o Concello busca mobilizar aos usuarios e usuarias destes negocios. Deste xeito, búscase involucrar aos dous extremos como medida dinamizadora do comercio local amesán, establecendo unha ferramenta bidireccional.
O funcionamento da plataforma é sinxelo: o aplicativo actúa como unha sorte de mapa interactivo no que os usuarios e usuarias poden visualizar un plano de Ames cos diferentes negocios que conforman o tecido empresarial, o comercio e a hostalería local. Grazas á cartografía e funcionalidades de Google Maps, a app ten ata dez categorías separadas por cores. Deste xeito, a veciñanza poderá, de xeito accesible, localizar as diferentes empresas ou comercios que busquen nun momento preciso.
Ditas categorías corresponden aos diferentes eidos empresariais, estando divididas por: Automoción, Comercio, Hostalaría, Sanidade, Servizos, Tecnoloxía, Construción, Educación, Lecer e Profesionais. As empresas están catalogadas segundo o criterio do equipo de desenvolvemento da Guía, porén, se algunha o desexa, poderá ser recolocada na que máis se axuste á súa categoría profesional.
Protección de datos
A Guía de Empresas de Ames é intuitiva e fácil de usar para calquera usuario ou usuaria. Ademais, todos os datos das empresas e negocios utilizados para o desenvolvemento inicial do aplicativo son públicos e foron extraídos de Google. Calquera información de carácter privado utilizarase de maneira única e exclusiva co consentimento de dita empresa.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)