Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 enero, 2024
O Pino.25-01-2024.- O Concello de O Pino prepara a celebración do XXIV Concurso de Disfraces para o domingo 11 de febreiro, cun arranque previsto para as 17.30 horas na Praza do Concello. Nesta edición repartiranse un total de 2.300 euros en premios, o que supón un incremento de 425 euros, ou o 22,7 por cento máis con respecto ao ano pasado. A inscrición poderá facerse preferiblemente e con anterioridade á data do concurso por medios telemáticos ou no rexistro; ou ben na propia Praza do Concello unha hora antes do inicio do certame.
O concurso do Entroido 2024 inclúe sete categorías competitivas, cada unha delas con premios en metálico para recoñecer o talento e a creatividade dos participantes. Na categoría infantil (ata 12 anos), as gratificacións serán de 150 € para o primeiro posto e de 100 € para o segundo. Na categoría individual, o premio ascende a 150 €, mentres que na categoría de parella os gañadores levarán para a casa 200 €. Os grupos optarán a un premio de 300 €, as comparsas a 700 € e as carrozas a 500 €. Ademais, o galardón ao disfrace máis orixinal ascende a 200 €.
Seguindo as bases do Concurso, considerarase grupo cando se reúnan máis de 3 e menos de 9 participantes, todos eles representando un mesmo tema. As comparsas, por outra banda, deberán ter polo menos 10 integrantes e poderán ofrecer un breve espectáculo de 3 a 4 minutos no escenario, con posibilidade de utilizar música traída nun CD ou pendrive, indicándoo na solicitude e facilitándollo á organización antes do inicio do concurso.
Para a categoría de carrozas, será necesario xuntar un mínimo de 4 participantes representando un tema enriba dun móbil. No escenario, poderán realizar un espectáculo breve de 3 a 4 minutos. Lembramos que se considera carroza calquera estrutura remolcada por un vehículo motorizado ou construída sobre el, cunha decoración especial e cunha elaboración coidada, cun mínimo de dúas rodas e capaz de transportar a todos os participantes.
O xurado valorará a orixinalidade do vestiario, a estética, a creatividade, a elaboración dos disfraces, comparsas e carrozas (que sexa un traballo feito a man e que empreguen materiais de refugallo). Tamén se terá en conta a posta en escena, a animación musical, a capacidade de interacción co público, a mobilización de masas, a sátira e a crítica social construtiva, ademais do uso do galego tanto oral como escrito.
A participación require a formalización da inscrición mediante a entrega da solicitude correspondente. Estas poden presentarse previamente tanto na sede electrónica do Concello como no rexistro municipal, en horario de 8.30 a 14.00 horas, de luns a venres. Tamén existe a posibilidade de anotarse na propia Praza do Concello a partir das 16.30 horas, antes de comezar o certame. O período de inscrición comezará ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e rematará o 11 de febreiro de 2024, antes do inicio do concurso.
A información completa sobre as bases do XXIV Concurso de Disfraces 2024, así como os formularios de inscrición, pódense consultar na web municipal www.opino.gal.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)