Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 abril, 2026
O Concello pide revisar a medida, reducir os tempos de espera e ampliar a atención en horario de tarde
O Concello de Oroso vén de trasladar á Xunta a súa preocupación pola decisión de suprimir a atención no centro de saúde do municipio os sábados pola mañá. O alcalde, Álex Doval, puxo en coñecemento da situación á Consellería de Sanidade, á Xerencia da Área Sanitaria e á Coordinadora do propio centro co obxectivo de procurar que garantan unha atención sanitaria axeitada á veciñanza.
Na comunicación oficial remitida, o goberno local recoñece tamén os avances acadados nos últimos anos en materia sanitaria. Entre eles, destaca a posibilidade de que os usuarios poidan acudir indistintamente aos puntos de atención continuada (PAC) de Ordes ou Santiago, así como a incorporación definitiva dunha traballadora social, o reforzo de persoal e diversas melloras nas instalacións do centro.
Con todo, o Concello considera prioritario revisar a actual situación e solicita á Consellería de Sanidade a adopción de varias medidas. En primeiro lugar, reclama que se reconsidere a non apertura do centro os sábados ou, no seu defecto, que se busquen alternativas que garantan a cobertura asistencial. Ademais, demanda reducir as desigualdades nos tempos de espera en función do facultativo asignado e estudar a ampliación da atención en horario de tarde.
Desde o executivo local subliñan a súa vontade de colaboración coa administración autonómica para seguir avanzando na mellora dos servizos sanitarios e garantir unha atención de calidade para toda a poboación de Oroso.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)