Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 julio, 2026
Roteiros e paseos para coñecer Santiago
Un dos obxectivos da programación de verán nos Centros Socioculturais é animar á veciñanza a coñecer mellor o seu propio municipio. Así, os xoves de xullo celébranse os “Paseos de barrio”, roteiros de entre 5 e 7 quilómetros para visitar diferentes lugares de interese, en horario de 10 a 14 horas. Hoxe, o percorrido levou aos participantes polo zona do Banquete de Conxo; o próximo xoves 16 farase a ruta dos murais con saída desde o parque Eugenio Granell; o día 23 o paseo comezará no centro sociocultural de Santa Marta para chegar ao CAstelo da Rocha; e para o xoves 30 de xullo está previsto un percorrido pola Peregrina e o Romaño, con saída desde a estatua das Marías da Alameda. As inscricións deben facerse no CSC de Santa Marta, ou no teléfono 981 543017.
Os “Paseos de barrio” súmanse os roteiros do ciclo “Revelando Compostela”, que continúan ao longo de todo o mes con percorridos polos cafés históricos de Compostela, a Alameda, e pola pegada de Asorey en Compostela. Neste caso, as inscricións realízanse na Casa das Asociacións de Cornes, ou no teléfono 981 542350.
Experiencias dixitais
Outra das propostas do “Vive o verán” ten que ver coas novas tecnoloxías, con actividades adaptadas a públicos de diferentes idades.
Así, no centro sociocultural do Ensanche desenvólvese o proxecto educativo do club xuvenil Camp Tech, dirixido a mozos e mozas de entre 13 e 15 anos que participen nas actividades das Cativadas de verán; pero tamén haberá obradoiros para persoas adultas os luns e mércores, de 17 a 19 horas. Neles abordaranse cuestións como a identificación de estafas, a utilización da intelixencia dixital ou a edición de fotos co móbil. Mentres, no CSC das Fontiñas desenvólvese un obradoiro para a mocidade sonre o programa de deseño Tinkercad e o programa de laminado Cura.
Actividades artísticas e relacionadas co medio
No que tén que ver coas artes, haberá obradoiros de muralismo nas aulas de xogo dos centros socioculturais de Fontiñas, Santa Marta, Castiñeiriño, Conxo e Vite; e de modelado en Santa Marta, Castiñeiriño, Conxo, Vite, Almáciga e Romaño. Trátase de actividades dirixidas ao público infantil, que requiren inscrición no centro de referencia. Hai 20 prazas dispoñibles para cada obradoiro.
En colaboración co departamento de Emprego e vinculados ao proxecto do Ecobosque do Banquete de Conxo, estanse a desenvolver tamén algunhas actividades de concienciación ambiental. O próximo xoves, día 16, o centro sociocultural da Pontepedriña acollerá unha actividade de identificación de especies dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos; e o luns 13 de xullo desenvolverase unha actividade sobre a eliminación da planta invasora tradescantia, para nenos e nenas de entre 9 e 15 anos. Ambas son actividades en horario de mañá.
Espectáculos de verán
A rede de Centros Socioculturais tamén acollerá en xullo e setembro diferentes espectáculos. En colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, no que queda de mes de xullo están previstas as actuacións de Yago Espasandín no CSC de Bando o martes 14 de xullo; e do mago Charlangas o xoves 23 de xullo no CSC das Fontiñas. Neste mesmo espazo, o xoves 16 de xullo terá lugar o espectáculo “María pensaba que o galego non servía para nada”, co Colectivo Xurelo.
Entretanto, continúan as actividades das “Cativadas de verán” nos centros socioculturais de Pontepedriña, Ensanche, Romaño, A Gracia, Marrozos, Bando, Lavacolla, Nemenzo, Laraño e Figueiras. Tamén seguen abertas polas mañás as aulas de xogo de Santa Marta, Conxo, Vite, Castiñeiriño e Fontiñas.
Escrito por Líder Redacción
centros socioculturais programacion Santiago de Compostela veran




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)