Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 junio, 2026
• A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa ONCE, enmárcase nas accións de mellora vinculadas á Q de Calidade Turística da Oficina de Turismo
• Os 500 exemplares estarán dispoñibles para as persoas visitantes na oficina municipal, e tamén en diferentes puntos de interese turístico e en aloxamentos da vila
Padrón.23.6.2026.- O Concello de Padrón acaba de incorporar novos planos turísticos accesibles dirixidos a persoas invidentes ou con dificultades de visión, adaptados mediante a incorporación de texto en braille e recursos de relevo táctil, unha iniciativa que busca avanzar cara a un destino máis inclusivo e accesible para todas as persoas visitantes.
A actuación enmárcase dentro das accións comprometidas pola Oficina de Turismo de Padrón no marco da certificación da Q de Calidade Turística, distintivo que o servizo municipal obtivo no ano 2024 e que implica unha aposta permanente pola mellora da atención, dos servizos e da experiencia turística.
O proxecto desenvolveuse coa colaboración da ONCE, entidade de referencia na promoción da accesibilidade e da autonomía das persoas con discapacidade visual, garantindo así que os novos materiais respondan ás necesidades reais deste colectivo.
Nesta primeira edición editáronse un total de 500 exemplares, que xa están dispoñibles de maneira gratuíta na Oficina Municipal de Turismo. Ademais, unha parte dos planos distribuirase en diferentes puntos de interese turístico e en establecementos da vila, como os aloxamentos de Padrón, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Pública Galega Camilo José Cela e a Igrexa de Santiago, co obxectivo de facilitar o acceso á información turística desde distintos puntos de atención ao visitante.
Con esta iniciativa, o Concello de Padrón continúa avanzando na súa estratexia de turismo accesible e sostible, favorecendo que todas as persoas poidan coñecer e desfrutar do patrimonio histórico, cultural e paisaxístico do municipio en igualdade de condicións.
A incorporación destes novos planos constitúe un paso máis no compromiso municipal coa eliminación de barreiras e coa construción dun destino turístico cada vez máis inclusivo e de maior calidade.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)