Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón. 15-1-2025.- Na sesión plenaria extraordinaria do Concello de Padrón, celebrada o luns 13 de xaneiro de 2025, aprobouse por unanimidade a proposta do executivo local que destinaba 61.903,04€ do POS+ Adicional a apoiar ás persoas máis vulnerables. Unha parte da cantidade aportada pola Deputación da Coruña (46.903,04€) destinarase ao fondo de axudas de emerxencia social. Dito fondo ten como obxectivo cubrir necesidades básicas esenciais das persoas en situación de vulnerabilidade tales como vivenda, alimentación, gastos médicos ou farmacéuticos, educación e transporte.
A aprobación desta iniciativa resalta o compromiso do Concello e a Deputación coa atención ás persoas vulnerables e en risco de exclusión. As axudas de emerxencia permitirán proporcionar unha resposta rápida e efectiva ante situacións de dificultade económica ou adversidade, contribuíndo á estabilidade dos fogares afectados por ter menores ingresos ou situacións puntuais.
“Estamos a reforzar estas axudas para que actúen como unha rede de seguridade que preveña que as persoas caian en niveis máis graves de pobreza económica e exclusión social, proporcionando un apoio inmediato. Ao mesmo tempo, evitamos as consecuencias negativas a longo prazo, como a perda de emprego ou a desestruturación familiar e favorecemos a reintegración social e económica ao proporcionar os recursos necesarios para a recuperación. Desta forma, non só se contribúe ao benestar individual, senón que tamén fortalece a cohesión social e promove unha sociedade máis solidaria e inclusiva”, afirmou o alcalde, Anxo Arca.
Ademais, destínanse 15.000 € ao Programa Babel, que se centra na integración de persoas migrantes e mulleres en situación de vulnerabilidade. Este programa ten como obxectivo a alfabetización, a aprendizaxe do idioma e a adaptación á contorna, brindando as ferramentas necesarias para mellorar a inclusión social e empregabilidade destes colectivos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)