Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 septiembre, 2024
Padrón.24-09-2024.- O Concello de Padrón organiza o sábado 5 de outubro a carreira de obstáculos solidaria Gladiator Kids, unha actividade non competitiva que terá lugar no paseo do Espolón a partir das 16:00 horas. O evento, que está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, ten como obxectivo promover o deporte en familia e recadar fondos para a Asociación Art for Dent, unha organización dedicada á investigación da enfermidade de Dent.
Organizada polo Concello de Padrón en colaboración coa empresa Nokao, a proba dividirase en dúas categorías de idade: de 3 a 5 anos cun percorrido aproximado de 500 metros, e de 6 a 12 anos cunha distancia de 800 metros. Todos os menores participantes deberán estar acompañados por un adulto, que tamén terá que superar os obstáculos.
A inscrición xa está dispoñible na páxina web www.deporticket.com cun custo simbólico de 1 euro por participante, que será doado integramente á Asociación Art for Dent. Ademais, habilitarase unha Fila 0 para doazóns voluntarias, permitindo a quen o desexe colaborar coa causa. A participación está limitada a 200 prazas, e todos os inscritos recibirán un obsequio ao finalizar a proba.
A Gladiator Kids non terá cronometraxe, dado o seu carácter recreativo, e estará deseñada para que os nenos e as súas familias poidan gozar dunha xornada lúdica ao aire libre, promovendo hábitos saudables ao tempo que axuda a visibilizar e apoiar a investigación sobre enfermidades raras.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)