Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 junio, 2026
O Concello fai un chamamento ás comisións de festas e á veciñanza para que prescindan das bombas de palenque e doutros elementos pirotécnicos nos meses de maior perigo.
Padrón suspenderá o uso de material pirotécnico durante os próximos meses de alto risco de incendios forestais. A medida foi acordada polo Goberno local nunha reunión de coordinación celebrada esta semana, ante a previsión dun verán con condicións meteorolóxicas que poden favorecer a propagación do lume.
A decisión chega poucos días despois do incendio rexistrado nas parroquias de Herbón e Carcacía, que obrigou a mobilizar un importante dispositivo de extinción e mesmo á evacuación de veciños dalgunhas aldeas. O Executivo municipal considera necesario extremar as precaucións e minimizar calquera situación que poida incrementar o risco de incendio.
Neste contexto, o Concello non empregará bombas de palenque nin outros elementos pirotécnicos nas actividades festivas programadas para os próximos meses. Ademais, fai un chamamento ás comisións de festas e aos particulares para que adopten tamén esta medida de prevención.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou que, malia que a pirotecnia forma parte da tradición festiva local, “neste momento debemos actuar con responsabilidade e poñer por diante a seguridade da veciñanza e a protección do noso patrimonio natural”.
O rexedor engadiu que a experiencia vivida co incendio de Herbón e Carcacía evidencia a necesidade de reforzar as medidas preventivas durante o verán. “A colaboración de todos e todas será fundamental para afrontar os meses de maior risco con maiores garantías”, sinalou.
A medida será visible xa este sábado durante a chegada dos barcos participantes na Ruta Xacobea do Mar de Arousa a Padrón e Pontecesures. O acto, que tradicionalmente se anunciaba cunha salva de bombas de palenque, celebrarase nesta ocasión sen ningún tipo de material pirotécnico.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)