Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 junio, 2026
• O alcalde asinou o decreto con estas medidas o mesmo día en que os servizos xurídicos municipais recibiron a sentenza
• O procedemento disciplinario, paralizado durante a tramitación xudicial do caso, retómase agora e podería derivar no despedimento do traballador
• O Concello destaca as medidas de protección aplicadas á vítima dende 2023 e reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa tolerancia cero fronte ao acoso
Padrón. 18-6-2026.- O Concello de Padrón acordou este martes, 16 de xuño, a suspensión inmediata de emprego e soldo do traballador municipal condenado por acoso sexual a unha empregada doutro departamento, tras recibir oficialmente a sentenza xudicial que acredita os feitos. O alcalde, Anxo Arca, asinou ese mesmo día o decreto que establece esta medida, de aplicación inmediata, e que impediu a reincorporación do traballador ao seu posto.
O Tribunal de Instancia de Santiago condenou ao traballador por un delito de acoso e estableceu seis meses de cadea, a prohibición de achegarse a menos de cincuenta metros da vítima, do seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro frecuentado pola mesma, así como a prohibición de comunicarse con ela durante ano e medio. A sentenza inclúe ademais o pagamento dunha indemnización de 6.000 euros por responsabilidade civil e as costas procesais, incluídas as da acusación particular.
O decreto municipal recolle tamén a reactivación do expediente disciplinario incoado con anterioridade e suspendido durante a tramitación xudicial do caso. Á vista da gravidade dos feitos considerados probados na sentenza, este procedemento podería concluír coa sanción máxima prevista pola normativa vixente, o despedimento do traballador.
O Concello de Padrón actuou de forma inmediata unha vez coñecida oficialmente a sentenza e acreditada a culpabilidade do traballador condenado. Ata ese momento, e mentres non existía unha resolución firme, a Administración local mantivo un amplo conxunto de medidas preventivas e de protección da vítima propostas pola Comisión Instrutora do Protocolo de Acoso, integrada por catro mulleres traballadoras municipais. Estas actuacións tiveron como finalidade garantir a seguridade da traballadora e minimizar calquera situación de risco no ámbito laboral, concretándose nas seguintes medidas:
1. A adopción de medidas organizativas para evitar ou minimizar o contacto entre a vítima e o traballador condenado, actuando sobre este último mediante cambios de vestiarios, limitación do uso de vehículos municipais —que só podía empregar acompañado doutro compañeiro e baixo control dos percorridos realizados—, a dotación de medios de comunicación corporativos a diferentes servizos e implantación dun sistema de fichaxe diferenciado entre os servizos.
2. O mantemento da zona de traballo asignada á vítima, evitando que tivese que modificar os seus hábitos laborais.
3. O establecemento de horarios laborais diferenciados e un control específico das entradas e saídas para impedir coincidencias entre ambas as persoas.
4. A obriga de que o traballador agora condenado permanecese acompañado durante toda a súa xornada laboral.
5. A comunicación á Comisión Instrutora do Protocolo de Acoso de todos os permisos, vacacións ou ausencias laborais do traballador agora condenado.
6. A autorización para que a vítima empregase un dispositivo telefónico corporativo destinado tanto ao control horario como ás comunicacións relacionadas co traballo, establecendo ademais que ese número non puidese ser facilitado ao condenado.
7. A incorporación ao dispositivo corporativo da aplicación coñecida como botón do pánico, que permite o envío inmediato dun aviso á Policía Local, ou ao GES en horario nocturno, coa localización exacta da persoa usuaria en caso de sentirse en situación de perigo.
O Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa igualdade efectiva entre mulleres e homes, coa prevención de calquera forma de acoso e coa defensa dos dereitos e da liberdade das mulleres. Precisamente pola importancia estratéxica destas ferramentas para garantir unhas políticas públicas eficaces en materia de igualdade e prevención do acoso, a aprobación do IV Plan de Igualdade Municipal e do novo Protocolo de Prevención e Actuación fronte ao Acoso foi unha prioridade para a actual nova Corporación, xa que o Concello levaba anos sen un plan vixente e cun protocolo desactualizado. Ambos documentos foron aprobados por unanimidade aos seis meses da constitución desta Corporación, co apoio de PSOE, PP e BNG.
Ademais, coa aprobación do protocolo, o Concello creou un enderezo de correo electrónico específico para que o persoal municipal poida comunicar e denunciar posibles situacións de acoso, garantindo en todo momento a confidencialidade, a privacidade e a protección das persoas que fagan uso deste recurso.
Ningunha institución está exenta de que poidan producirse condutas deste tipo, pero entende que a resposta debe ser sempre contundente, rigorosa e inmediata, activando todos os mecanismos de protección e actuación previstos pola normativa.
O Concello de Padrón lamenta as manifestacións públicas realizadas sobre este caso que cuestionan a actuación municipal e defende que todas as decisións adoptadas responderon exclusivamente á protección da vítima e ao cumprimento das obrigas legais e das competencias que corresponden á Administración local. Neste sentido, subliña que a suspensión de emprego e soldo foi acordada o mesmo día en que os servizos xurídicos tiveron coñecemento oficial da sentenza condenatoria e lembra que, con anterioridade a esta resolución, xa viña aplicando un amplo conxunto de medidas preventivas e de protección da traballadora.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)