AD

Comarca

Rianxo aforrará máis de 100.000 € anuais no subministro eléctrico

today4 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Rianxo aforrará máis de 100.000 euros anuais no custo do subministro eléctrico das instalacións municipais tras adxudicar o novo contrato á empresa Iberdrola Clientes S.A.U. A contratación realizouse a través do Acordo Marco da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), un sistema que permite ás entidades locais acceder a condicións máis competitivas e simplificar os procedementos administrativos.

O contrato terá unha duración inicial dun ano e un importe de algo menos de 450.000 euros, IVE incluído. Esta contía supón unha importante redución do gasto respecto ao rexistrado en 2025 e un aforro aínda maior se se compara cos datos de 2023, cando o Concello destinou preto de 790.000 euros ao subministro eléctrico.

Desde o Goberno local destacan que este descenso no gasto non só responde á regularización do contrato de subministración, senón tamén ás actuacións de mellora e renovación das instalacións municipais desenvolvidas nos últimos anos para reducir o consumo enerxético.

O contrato formalízase a prezo fixo e cunha vixencia dun ano, o que garante a estabilidade do custo do subministro durante todo o período, sen posibilidade de revisión nin prórroga, conforme ao establecido nos pregos do acordo marco da FEMP.

O concelleiro de Obras e Servizos, José Alberto Angueira, sinalou que a licitación do subministro eléctrico municipal é un proceso complexo que require meses de tramitación. Tras analizar as condicións ofrecidas polas empresas do sector e o concurso nacional impulsado pola FEMP, o Concello optou por adherirse ao acordo marco, que permite acceder a prezos máis competitivos, simplificar a contratación e garantir a transparencia nos procedementos administrativos.

Para esta licitación convidouse ás empresas adxudicatarias do acordo marco, establecendo como único criterio de adxudicación o prezo, calculado en función dos consumos anuais estimados.

Con este novo contrato, o Concello de Rianxo reforza a súa aposta por unha xestión eficiente e responsable dos recursos públicos. Segundo destacou Angueira, o aforro acadado permitirá destinar os recursos que ata o de agora se empregaban no subministro eléctrico a reforzar outros servizos públicos e atender novas necesidades do municipio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *