AD

Comarca

Ames súmase á XIX edición de «Móllate polos ríos» cunha limpeza do rego do Ameneiral

today29 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD

O concello de Ames participa na XIX edición da iniciativa “Móllate polos ríos”, coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA). Esta botou a andar no ano 2008, desde o que un día ao ano se celebra a xornada de Limpeza Simultánea en numerosos concellos de Galicia

A actividade desenvolverase este domingo, 4 de outubro, de 11.00 a 13.00 horas, e consistirá na limpeza dun tramo do rego do Ameneiral. Dende o Concello anímase a todas as persoas a participar nesta xornada, que terá como punto de partida a Casa do Concello

Ames, 29 de setembro de 2026.- O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Dende a Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 4 de outubro, a partir das 11:00 horas, facendo unha limpeza do rego do Ameneiral durante dúas horas. Para participar hai que estar ás 11.00 horas na praza do Concello, en Bertamiráns. Na páxina web de Proxecto Ríos atoparás máis información sobre a iniciativa “Móllate polos ríos”, as limpezas de río, os participantes e colaboradores, etc.

Con esta proposta, búscase concienciar sobre a importancia de manter limpos e libres de lixo os nosos ríos, dos que cada ano se recollen miles de quilogramos de lixo a través da iniciativa de voluntariado ambiental “Proxecto Ríos”. A finalidade é garantir a súa saúde e conservar os nosos ecosistemas fluviais, así como a biodiversidade galega.

No caso particular do noso concello, realizarase unha limpeza dun tramo do rego do Ameneiral, como cada ano. O punto de encontro e de fin é a praza do Concello, en Bertamiráns. A hora de inicio son as 11.00 horas do vindeiro domingo 4 de outubro, hora á que se presentará a actividade e se explicarán as instrucións necesarias para desenvolver a limpeza, ademais de formar os grupos.

Materiais necesarios e recomendados

Para poder desenvolver a actividade de xeito correcto e seguro, dende o Concello recoméndase que, na medida do posible, cada persoa porte algúns materiais para  participar na actividade.

En primeiro lugar, recoméndase o uso de luvas, preferiblemente as que se empregan para fregar. Isto débese a que as compostas de vinilo ou látex rompen con maior facilidade e deste xeito podemos contribuír a xerar máis residuos. Tamén se invita aos participantes a levar botas de auga, se dispoñen delas.

Por outra banda, serán necesarios pinchos ou paus con pincho na punta para facilitar a recollida de lixo, así como bolsas grandes, sacos, ou ben caldeiros grandes ou recipientes similares para depositar e transportar o lixo recollido. Neste sentido, poderanse solicitar algúns destes materiais ao Concello.

Medidas de seguridade

Ao longo da xornada, será preciso manter algunhas medidas e ter precaución á hora de recoller residuos, para que ninguén se manque.

É fundamental non arriscar a integridade física por coller lixo en zonas perigosas ou pouco accesibles. Nos casos nos que se complica a recollida, é preferible chamar ao Concello para encargarse do lixo máis problemático. Así mesmo, si se recollen cristais, vidros, ferralla ou calquera material cortante, prégase facelo coa maior precaución posible.

Na mesma liña, para que ninguén sufra ningunha lesión, recoméndase que sempre que se levanten pesos se faga dobrando os xeonllos, ademais de pedir axuda a outros compañeiros ou compañeiras sempre que o consideren preciso.

Tamén é importante lembrar o perigo de caer ao río, polo que se recomenda extremar a precaución cando se estea preto del, evitando non traballar de costas á canle do río, especialmente si se está a arrincar algo que está soterrado. Débese ter especial coidado en zonas de corrente forte e profundas.

Por último, pero non menos importante, en caso de levar nenos ou nenas de acompañantes, cómpre prestarlles especial atención, e evitar que queden sós ou soas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *