Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 septiembre, 2026
• O programa terá unha duración de nove meses e ofrecerá formación e traballo en xardinaría e albanelaría
Rois. 29-9-2026. O Concello de Rois, en colaboración co Concello de Teo, pon en marcha o Obradoiro Dual de Emprego Rois-Teo 2026, un programa que combina formación e traballo para mellorar as oportunidades laborais das persoas desempregadas. As bases regulan a selección de 20 persoas como alumnado traballador, dez de Rois e dez de Teo, así como do equipo encargado de desenvolver o proxecto.
O obradoiro contará con dez prazas de operacións básicas en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e outras dez de operacións auxiliares de albanelaría, revestimentos e pavimentos exteriores. Os contratos do alumnado traballador serán de nove meses a xornada completa.
En Rois, os traballos de xardinaría e mantemento previstos inclúen actuacións nas contornas dos edificios multiúsos de Rois e da Peruca, na escola e no parque infantil da Peruca, nos parques infantís de Urdilde e Lamego, na escola infantil de Sorribas e nas escolas unitarias da Calle. Tamén se prevé a recuperación do lavadoiro do Aido dentro da especialidade de albanelaría.
En Teo, o alumnado realizará tarefas de mantemento e conservación das sendas da rede de roteiros turísticos e traballará na adecuación do lavadoiro de Casalonga e da súa contorna.
Selección a través da oficina de emprego
Para optar ás prazas de alumnado traballador cómpre ter 18 anos ou máis, estar en situación de desemprego e figurar como demandante de emprego dispoñible no Servizo Público de Emprego de Galicia, ademais de cumprir os demais requisitos recollidos nas bases. A oficina de emprego de Santiago Norte realizará a sondaxe de candidaturas. Posteriormente, comunicaráselles ás persoas preseleccionadas o prazo para achegar a documentación e o calendario do proceso selectivo.
As bases prevén tamén a contratación dunha persoa para a dirección, unha para a titoría, dúas para impartir as especialidades e unha para tarefas administrativas. A titoría e o posto administrativo serán a media xornada.
O proxecto, promovido polo Concello de Rois en colaboración co Concello de Teo, está subvencionado pola Xunta de Galicia e cofinanciado polo Ministerio de Traballo e Economía Social. As bases completas e as sucesivas fases da selección poden consultarse na páxina web municipal www.rois.gal.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)