AD

Actualidad

Pontón quere facilitar o acceso a un aluguer mobilizando vivenda baleira

today19 enero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

A nova taxa, que non afectaría a propietarios particulares, permitirá ademais obter 40 M€ adicionais para desenvolver políticas públicas de vivenda

Aposta pola construción como medida máis a longo prazo e compromete blindar por lei que toda a nova vivenda pública construída se dedique a aluguer

Santiago de Compostela, 19 xaneiro 2023.- A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, avanzou hoxe algunhas das medidas que un goberno liderado polo BNG porá en marcha para facilitar o acceso á vivenda, unha prioridade do executivo que aspira a presidir e un “dereito fundamental” que en Galiza, advertiu, “non se cumpre para unha parte moi importante da cidadanía”.

A proposta defendida pola candidata nacionalista pasa, en primeiro termo, por desenvolver un Plan de Mobilización de vivenda baleira, mediante o que a Xunta compre vivenda e a poña a disposición dos galegos e as galegas en réxime de alugueiro, tendo en conta que nestes momentos hai 500.000 vivendas baleiras, das que 90.000 están concentradas nas grandes cidades.

En segundo lugar, e co mesmo obxectivo de mobilizar esta parte do parque residencial, Pontón avanzou tamén o impulso dunha lei para gravar cun imposto aos grandes tenedores como a banca, os fondos de investimento ou as grandes empresas que acumulan un volume moi importante de vivenda no País e que alcanza os 15.000 inmobles, segundo distintos estudos.

Esta nova taxa, que en ningún caso afectará aos propietarios particulares e que xa se aplica en distintos países europeos e noutros territorios do Estado, permitiría ademais obter 40 millóns de euros adicionais ao longo da lexislatura que o Goberno liderado polo BNG destinaría a recuperar as políticas públicas de vivenda “dinamitadas polo PP nos últimos 15 anos».

Por último, Pontón tamén comprometeu “máis recursos” para a construción de vivenda pública, consciente, iso si, de que é unha política pública “máis a longo prazo”. Neste sentido, avanzou unha modificación legal para blindar por lei que toda a vivenda pública que se vai construír no País se dedique ao alugueiro.

Segundo explicou a líder nacionalista logo do encontro que mantivo coa directiva do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, estas medidas permitirían no horizonte de 2040 elevar ao 5% o parque galego de vivenda pública, situado actualmente só no 0,3% mentres no conxunto do Estado está no 1,1%, moi por debaixo tamén doutros países europeos como Países Baixos (29%), Escocia, Irlanda e Austria (24% nos tres casos) ou Inglaterra (17%),  por poñer algúns exemplos.

“Se obteño a confianza dos galegos e das galegas, vou facer da política social de vivenda unha prioridade”, anunciou, porque “necesitamos que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida e para iso é básico poder acceder a unha vivenda”, concluíu.

Cara a cara con Rueda

Preguntada polos debates electorais, Pontón retou de novo ao candidato do PP, Alfonso Rueda, a aceptar un cara a cara coa líder da oposición que, segundo dixo, rexeita “porque sabe que a súa nefasta xestión non se mantén”. “O PP e o señor Rueda saben que teñen un balance nefasto, que están no seu tempo de desconto e non queren que nese cara a cara se faga máis evidente”, afondou.

Pontón explicou que o cara a cara do que escapa Rueda é tipo de debate habitual como se acaba de ver  a nivel estatal entre Pedro Sánchez e Núñez Feijóo. “Por que ese tipo de debate se pode realizar no Estado español nas eleccións xerais e en Galiza se lle nega ese dereito aos galegos e ás galegas?”, cuestionou.

A portavoz nacionalista reiterou tamén a proposta do BNG de realizar dous debates co conxunto das forzas políticas representativas, (un, na primeira semana de campaña e outro, na segunda), para poder abordar todos os temas que interesan á cidadanía e para que esta teña un contraste de proxectos políticos que cualificou de “clave” nunha campaña electoral.

“Non imos dicirlle ós medios quen debe estar nos debates”

Neste sentido, recordou que os debates son “un dereito da cidadanía”, “non un capricho” dos candidatos e candidatas que, segundo recalcou, teñen a obriga de participar en todos os que se lles propoñan e confirmou de novo a súa presenza en todos os que se organicen.

En relación a quen debe participar, Pontón indicou que desde o BNG “non lle imos dicir aos medios públicos deste País cales son as forzas políticas que teñen que estar neses debates; esas son propostas que teñen que facer os medios e que ten que validar despois a Xunta Electoral”, afirmou para advertir que “o raro é que sexa o PP quen lle está dicindo á TVG que forzas políticas teñen que estar no debate, cando o lóxico é que esa proposta saíra da CRTVG e que estivera validada pola Xunta Electoral”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%