Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 marzo, 2024
Ata ás 23.59 horas do domingo 3 de marzo está aberto o prazo de votación dos Orzamentos Participativos da área de Mocidade do Concello de Santiago, no que se vai decidir o destino de 100.000 euros dos presupostos municipais. O concelleiro de Xuventude en funcións, Xan Duro, deu conta do proceso este venres en Radio Líder Santiago.
O edil salientou «a alta participación e a variedade das achegas recibidas, que rachan con moitos estereotipos sobre os mozos e mozas e que demostran o seu interese por participar na vida pública, un interese que o concello tén a obriga de canalizar facilitándolles as ferramentas necesarias como son estes Orzamentos Participativos».
Os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos que residan, traballen ou estuden en Santiago, poden votar nos Orzamentos Participativos a través da web decide.santiagodecompostela.gal. No caso de non estaren empadroados ou empadroadas, será preciso remitir algún documento que acredite o vínculo con Compostela, como unha copia do carné de estudante, da matrícula, ou do contrato laboral. Na votación, cada persoa deberá seleccionar tres propostas, indicando o seu grao de preferencia.
Máis dun cento de propostas
Para a fase da votación foron validadas un total de 103 propostas, distribuídas en 15 categorías: Festivais de música e algo máis; Arte urbano e expresións artísticas; Culturas; Cine; Ciencia, Coñecemento, saberes; emprendemento; Ecoloxía e sostibilidade; Economía circular; Gastronomía saudable; eMocidade; Práctica deportiva; Igualdade, diversidade e educación sexual; Inclusión; Saúde; e Dereitos dos animais. O concelleiro Xan Duro explicou que as propostas presentadas foron moitas máis «ata 280, pero moitas delas foron agrupadas porque eran coincidentes, e outras non cumprían os requisitos técnicos en canto á súa viabilidade, límite orzamentario ou competencia municipal».
O edil salientou a ampla variedade das achegas, que poñen de relevo que a mocidade tén moitos ámbitos nos que centra o seu interese, e tamén que os mozos e mozas teñen vontade de decidir e de participar na vida pública, máis alá de votar cada catro anos nas eleccións. Nesa liña, Xan Duro recordou tamén que no proceso de Orzamentos Participativos celebráronse diferentes obradoiros formativos en institutos e facultades de Santiago, e neles participaron máis de 900 persoas. Para o concelleiro, «son datos que avalan que a mocidade tén ganas de participar, e desde o Concello temos que garantir que o poidan facer ofrecéndolle as ferramentas necesarias».
Ademais Duro daba por feito que, debido ao gran éxito de participación, dende a Área de Xventude tentarán de aumentar a partida económica nas vindeiras edicións a fin de facer crecer a embergadura dos proxectos.
«Agora a xente xa atopa sitio para aparcar»
O responsable da área de Mobilidade en Santiago, abordou tamén posta en marcha da zona ORA en distintas rúas na contorna do CHUS. Unha decisión que responde á complicada situación do aparcamento na zona. «Nestes días a xente xa atopa sitio para aparcar e antes non pasaba», afirma. Unha decisión que asegura «é un parche» xa que a ORA non é a solución definitiva para dar resposta ao colapso diario que viven centos de persoas que tentan, con moita paciencia, estacionar o seu vehículo para acudir a unha cita médica ou visitar a un familiar ingresado no complexo.
Para Duro a solución pasa porque a Xunta de Galicia axilice con urxencia a construcción dun moi necesario aparcadoiro que cubra as necesidades reais de mobilidade na zona do hospital compostelán. Tras a construcción desta nova infraestructura, o edil estudará de novo a situación das rúas próximas ao complexo coa posibilidade de retirar os parquímetros e a zona azul, algo que Duro, «non descarta».
Finalmente o concelleiro tamén falou da lei de baixas emisións que afecta a todas as cidades de máis de 50.000 habitantes e que limita o uso de vehículos de combustión en determinadas zonas urbanas. No caso de Compostela, o edil confirma que nunha primeira etapa esta normativa só afectará ao casco vello e, precisa, «os residentes quedarán exentos desta medida».
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Written by: Líder Redacción
chus compostela Entrevista mobilidade ora orzamentos participativos radio lider santiago santiago xan duro xuventude
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)