Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 octubre, 2026
O Concello destina preto de 2.000 euros a un operativo que se prolongará ata mediados de novembro e que tamén inclúe actuacións para combater as cascudas.
O Concello de Ribeira puxo en marcha unha nova campaña de desratización co obxectivo de reducir a presenza de roedores en diferentes puntos do municipio, prestando especial atención ás rúas e aos espazos máis transitados do centro urbano.
Esta intervención súmase aos labores habituais de control de pragas e ás actuacións desenvolvidas durante os últimos meses en distintas parroquias e barrios de Ribeira.
Os traballos, que estarán a cargo da empresa especializada Ambitega Plagas S.L., centraranse principalmente na rede de sumidoiros, onde se aplicarán produtos específicos para combater os roedores. Segundo a información municipal, os tratamentos están preparados para actuar sobre estes animais sen supoñer un risco para as persoas nin para o resto da fauna.
Ademais das intervencións no subsolo, os operarios realizarán actuacións en superficie, entre elas o selado de buracos e posibles refuxios utilizados polas ratas. O dispositivo tamén contempla a aplicación de tratamentos insecticidas para controlar a presenza de cascudas.
A campaña chegará a numerosos puntos de Ribeira, con especial atención á rúa Galicia, ao Malecón e ao paseo das Carolinas. Tamén se intervirá na avenida Rosalía de Castro e nas rúas Barbanza, Carroucha, Carqueixa, Manzanares e Sidreiras.
O operativo estenderase igualmente a zonas residenciais como Fondevila, Xarás e Abesadas, entre outros barrios incluídos na planificación municipal.
O Concello investirá preto de 2.000 euros nesta nova fase de control de pragas, cuxos traballos está previsto que continúen ata mediados de novembro.
Con este reforzo, o goberno local busca mellorar as condicións de salubridade dos espazos públicos e manter baixo control a presenza de roedores e insectos nas zonas urbanas do municipio.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)