Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 julio, 2024
Silleda. 16-7-2024.- Erea Viz Callejas, socia fundadora da cooperativa galega Amarelas, é a protagonista neste mes de xullo do programa (in)Visibles, co que o Concello de Silleda quere visibilizar a pegada e o legado que deixaron e deixan as mulleres no municipio. O recoñecemento a Erea Viz coincide coa conmemoración do Día das Cooperativas, que se celebra este mes de xullo.
En 2018 Erea e a súa socia, Cris González, constituíu a cooperativa Amarelas co obxectivo de poñer en valor o patrimonio galego a través dun turismo sostible. Dende entón traballa en concellos rurais deseñando dinámicas de desenvolvemento local que priorizan as persoas e benefician as comunidades anfitrioas. Deste xeito fai realidade un dos lemas de Amarelas: “Somos cooperativa porque a vida das persoas debe estar no centro”.
O traballo de Amarelas viuse recompensado hai apenas un mes co premio do programa Bicogal, da Fundación Roberto Rivas, por unha nova liña de acción Ben Estar. O xurado recoñeceu con este premio a innovación, a sustentabilidade e o impacto potencial na diversificación dos usos do monte.
Aínda que naceu en Santiago (1988), Erea Viz criouse en Silleda gozando da súa contorna natural e das actividades culturais. Era habitual vela na Romaría do Rapaz ou na escola de teatro Marisa Soto, así como gozando dos castros de Toiriz ou da fervenza do Toxa.
Co tempo foi medrando a súa inquedanza polas relacións entre as persoas e por iso decidiu graduarse en Educación Social pola Universidade de Santiago, á vez que se formaba e traballaba no eido do lecer con diferentes colectivos.
Sempre co foco posto nas dinámicas locais e na súa repercusión sobre as persoas, cursou un máster en Estratexias Territoriais e Ambientais no Ámbito local da Universidade de Huelva. Un par de anos despois participou no Programa ICI da Obra Social La Caixa e a Fundación El Patio, en San Bartolomé (Lanzarote). Este programa contaba co asesoramento técnico do traballador social e investigador italiano Marco Marchioni e supuxo un modelo innovador na intervención social de cara á construción dunha convivencia cidadá.
Erea Viz seguiu viaxando e formándose ata que a morriña a trouxo de volta a Galicia. Xa en Silleda, cursou un máster en Turismo Sostible e TIC pola Universidade Oberta de Catalunya e decidiu crear a cooperativa Amarelas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)